23/3/18

Lorca, poesía





     Sabedes que o día 21 de marzo foi o Día da Poesía, coincidencia ou non, o xoves 22 fomos cos alumnos de 2º de Bacharelato ao  auditorio de As Torres, en Santa Cruz. Como todos os anos, as actividades organizadas polas Bibliotecas Municipais de Oleiros (Biblioleiros) enchen de cultura e de amor pola literatura o curso enteiro.

     Soledad Felloza, actriz coñecida por todos, adicounos unha xornada moi especial. Tratábase de Lorca, que estudiamos (e moito) en 4º de ESO e en 2º de Bacharelato, así que foi moi xenerosa con nós e nos fixo un agasallo: Romancero gitano. Os romances de Lorca na súa voz tiveron un efecto casi catártico en moitos dos asistentes, fixo un percorrido por "Romance de la luna, luna", "La casada infiel", a petición nosa  recitou tamén o "Romance sonámbulo", para rematar co "Romance de la pena negra".
procedencia: 1ª edición, Revista de Occidente



     Pasou, a continuación, á parte máis vangardista: Poeta en Nueva York. Falounos do impacto da metrópoli dende os versos de "Ciudad sin sueño" "No duerme nadie por el mundo, nadie." 

autógrafo do poema

                      Recordade que o grupo Calle 13 fixo unha versión rap (Grazas, Soledad, pola recomendación)

     Chegou despois o tempo do teatro. Fíxonos unha escolma de Mariana Pineda, e de Doña Rosita la soltera, co impresionante soliloquio final da protagonista, exercicio imprescindible en todo casting teatral neste pais.
Procedencia: Alianza Editorial


     Aínda nos regalou anécdotas persoais sobre a ligazón que sempre tivo con Lorca dende a súa terra, Uruguai; terra onde tamén a primeira actriz e gran amiga de Lorca, Margarita Xirgú, actuou con grande éxito.
Lorca e Margarita Xirgú
Procedencia: El Eco Republicano


     A parte final, a máis emotiva, falou da memoria histórica e de como un amigo e último amor do poeta fixo construír un monumento na sua honra onde enterrou unha caixa con obxectos persoais que gardou por moito tempo. Algún día será aberta esa "caixa do tempo" e Soledad Felloza voltará para contarnos que secretos de Lorca gardaba.

13/3/18

8 de marzo no María Casares




     O día 8 de marzo, con motivo da mobilización xeral convocada polas organizacións de mulleres, tivemos pouca actividade no instituto, mais iso non quere decir que non estiveramos toda a semana moi activos.
     Fixemos unha exposición coas biografías e os retratos de mulleres que pensamos, dende o grupo da Biblioteca, que teñen moito que decirvos:  as "Sinsombrero", artistas do 27 coma Maruxa Mallo, Concha Méndez, Marga Roeset, María Teresa León... Mulleres de onte coma Clara Campoamor, de hoxe coma Isabel Coixet, directora de cine; ou Inma Shara, directora de orquestra...









     Nos corredores puxemos unha lista, fatal, cos nomes das mulleres asesinadas, e que foron consideradas víctimas da violencia de "xénero", no ano 2017 e no que levamos deste...


Demasiadas!





     Velaí as frases que deixaron para o futuro  os homes que fixeron historia:

     Pitágoras, pai das Matemáticas e gran filósofo, ía un pouco errado nas súas afirmacións...


      Balzac, gran novelista francés, tivo unha premonición; de certo, ler nos fai, a todos, homes e mulleres máis perigosos...


     Por último, un dos pais da igrexa, filósofo e santo, deixou esta perla que só hai que entender como mostra da súa época, misóxina e escura:

6/3/18

8 de marzo

   




     Xa que ven por aí o 8 de marzo, temos de volta no vestíbulo a exposición "Mulleres", feita polo profesorado do instituto hai anos, e que aínda vai rulando polos centros de Galicia curso tras curso.
      A mostra foi un traballo de visualización das mulleres que ao longo da historia tiveron unha labor imprescindible para as xeracións que viñeron detrás.

     A parte artística foi elaborada por Fernando Fernández Páez. Marta Pérez adicouse ás mulleres e a ciencia; os profesores de linguas (Sabela Echevarría, Marisa Herraiz, Olga López, Carmela Moure, David Saá e Pepe Taboada) tiveron en conta ás escritoras e intelectuais das letras en distintos idiomas; Isabel Fernández Pena fíxonos ver ás filósofas; Manuel Rodríguez Sierra, ás que destacaron no terreo musical; Carmen Gallego ás mulleres na historia. 






     "A muller e a ciencia" abrangue dende Hipatia de Alexandría ata Teano, discípula de Pitágoras, na antigüidade; mais tamén unha curiosidade bibliográfica sobre como os  libros científicos  coñeceron edicións especiais "para mulleres" (algo impensable hoxe...). As mulleres que recibiron o Premio Nobel de Física, de Química e de Medicina non o tiveron nada fácil traballando a carón dos seus maridos ou dos seus pais e levando poucas veces o mérito do traballo en equipo: Madame Curie, con dous premios (Física e Química) polas súas investigacións sobre radiación, o radio e o polonio (nome que recibe o elemento químico pola súa orixe) é a máis coñecida, xunto a ela, a súa filla Irene Joliot-Curie (Pº Nobel de Química) que continuou o traballo dos pais, moito destaca tamén Rita Levi-Montalcini, centenaria investigadora italiana, que recibiu o premio polo seu traballo sobre os factores de crecemento do tecido nervioso.




     "A muller e a arte" recolle ás pintoras Sofonisba Anguisola e Artemisa Gentileschi que no século XVII non tiveron visibilidade pola súa condición feminina. Tamén destaca Camile Claudel, gran escultora, sempre á sombra de Rodin; e a nosa Maruxa Mallo, unha das "sin sombreiro" da xeneración do 27 que marchou á México cando a guerra civil e alí trabou unha grande amistade con Frida Khalo.




     "A muller e a Filosofía" nos ofrece a figura de Concepción Arenal, importante pola reforma social e penitenciaria que propugnou; xunto a ela Rosa Luxemburgo ou María Zambrano, filósofa, unha vez máis, do grupo do 27, discípula de Ortega y Gasset, que tivo que exiliarse e voltou moito tempo despois.



     No terreo da literatura temos dende a antigüidade clásica unha figura de referencia: Safo. E na idade media unha muller ligada á nosa cultura: Exeria, que fixo a narración da viaxe a Compostela no século IV.

     Tamén María de Francia autora dos lais, a poesía lírica máis elegante na Europa daqueles tempos, xunto á das mulleres hispanoárabes que escribían poemas en Al-Andalus. Nos séculos XVII e XVIII Madame de La Fayette, do tempo de Sor Juana Inés de la Cruz, e Madame de Staël, que fixo florecer o romanticismo. Máis autoras, todas coñecidas, e moitas, de aquí: Rosalía, Filomena Dato, Luz Pozo, Pilar Pallarés...

     As artistas como Maria Callas e a nosa María Casares pechan unha exposición que é unha testemuña e un exemplo para todas.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...