19/1/17

Boas lecturas para empezar o ano

   
Tusquets Editores
     Empezar un ano novo lendo unha boa novela é moi gratificante.
     Hoxe quero recomendarvos unha novela sueca. Si, lecturas que veñen do frío norte de Europa, para facer ambiente neste xaneiro invernal.
     Coñecedes moi ben a Henning Mankel, autor sueco de novelas policiacas protagonizadas por Kurt Wallander, un solitario e decadente inspector na cidade de Ystad, ao sur de Suecia. Foron adaptadas á televisión en varias ocasións.
    Mais tamén é un gran autor de novela intimista, relacionada co aillamento dos habitantes das pequenas poboacións costeiras suecas.
    Henning Mankell, xa falecido hai un ano, deixou unha última novela: Botas de lluvia suecas onde retoma ós protagonistas de Zapatos italianos, aínda que as dúas obras poden ser lidas independentemente.


     O comezo é impactante: un home maduro esperta súbitamente e decátase de que a súa vivenda está ardendo, escapa descalzo, só  despois atopa dúas botas para calzarse, en medio da neve, mais as dúas son do pé dereito... Arranca aquí unha obra que non é só unha novela de intriga máis. Hai, si, pesquisas para resolver o caso do incendio, nas que o protagonista chega a verse citado a declarar. Todo resulta difícil de entender: non hai ninguén na illa na que vive, hai catro focos distintos que deron pe ao incendio, ten a casa asegurada... É o principal sospeitoso para todos os veciños.
     Hai "caso" mais non é "o caso"... Esta é unha obra sobre soidade (el vive só nunha illa da súa propiedade, onde foi parar tras deixar o traballo), o aillamento, a conciencia (foi médico e cometeu un erro fatal, tivo unha filla e non o soubo ata décadas despois...), a violencia, a marxinación, a amistade, as relacións de vecindade, a procura do amor nas portas da vellez,  as manías ou rarezas de cada ser humano...
     Henning Mankell é un seguro para calquera lector. Coñecemos ben as súas obras máis lidas, tanto as novelas policiacas de Wallander (adaptadas en dúas series de televisión diferentes) como as novelas xuvenís.

Editorial Siruela

     Algúns de vos tedes lido a tetraloxía do xove Joel, un rapaz que vive só co seu pai nun pobo perdido, en El perro que corría hacia una estrella déixase levar polos soños, é un rapaz introspectivo, sen grandes desafíos no día a día; en Las sombras crecen al atardecer, onde resultaría ileso nun acidente de tráfico; en  El niño que duerme con nieve en la cama, vive episodios familiares que son verdadeiramente duros;   ou na cuarta, Viaje al fin del mundo onde recibe unha carta de Estocolmo na que a súa nai da sinais de vida por primeira vez en anos...
       Os que aínda non o coñecedes podedes pasar pola biblioteca para coller algunha delas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...