25/11/16

25 de novembro: imos ao teatro!


Estrea da obra no Teatro Colón, foto de Chus Grela.



Hoxe imos ao teatro!
O grupo do instituto, "Grupo de Teatro María Casares", representa hoxe para todos nós a obra Irene Mendiluce, no auditorio Gabriel García Márquez de Mera.
Sabedes xa que a obra é orixinal, isto é, foi creada polos actores e actrices dirixidos, como non, por Ramiro xunto con Luis Esmorís (Grazas Ramiro, polo teu traballo, pola túa vocación e por facer destes nosos (e teus) alumnos uns verdadeiros artistas e mellores persoas).
A obra vai desta data: 25 de novembro. É unha data para recordar e sobre todo para pensar na violencia contra as mulleres... Todos sabemos que temos que reconducir os plantexamentos de vida que gobernan as nosas relacións, falamos da educación na casa, da educación na igualdade, do respecto e da educación das emocións..., mais o certo é que van xa... Cantas mulleres asasinadas? E cantas silenciadas? E cantas maltratadas?
A obra pode deixar un regusto amargo, un nó na gorxa e algunha que outra bágoa... É a maxia do teatro, a catarse. É unha obra dura, que trata o tema sen contemplacións e dende un escenario en negro. Non fan falla decorados para esta representación tráxica cun texto de calidade que envolve dende o primeiros momentos.
Xa hai un mes asistimos á estrea no Teatro Colón da Coruña (Vaia estrea e vaia escenario), na semana de Teatro Afeccionado, e o éxito foi clamoroso.
Un verdadeiro luxo para toda a nosa comunidade educativa é contar con este grupo de teatro! Grazas! (e moita merde na representación de hoxe!)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...