22/1/16

Clase con Ángel Carracedo


foto de Mónica Patxot


Onte veu falar con nós Ángel Carracedo, foi un día importante para o María Casares.
O noso director, Alejandro, fixo unha presentación breve pero significativa: Ángel Carracedo é doutor en Medicina, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela experto en xenética, membro da Academia Galega de Ciencias, director ata hai pouco do Instituto de Medicina Legal de Galicia, da Fundación de Medicina Xenómica de Galicia, Premio Nacional de Xenética, Medalla Castelao, Medalla de Galicia...
O seu currículo apabulla, certo, mais todos vimos que el é, máis que nada, un entusiasta da investigación e da divulgación dos avances dunha disciplina imprescindible para a medicina e tamén para a investigación forense.
Comezou a súa charla decindo que viña a "contarvos un pouquiño a vida da investigación", e eso fixo, con entusiasmo (mermado por unha ciática insistente) El, que formou o grupo punteiro en investigación xenómica, nos contou que traballan de forma interdisciplinar informáticos, matemáticos, físicos, químicos, farmacéuticos, psicólogos, biólogos e médicos... 
A súa presentación do descubrimento do ADN e da formación do "libro da vida" foi un tanto mitolóxica, ou, se queredes, bíblica: no principio
                                   "había vida, pero non había morte nin enfermidade".
Dende o principio da vida na Terra o libro da vida en que está escrito o ADN tivo que programar instruccións de morte celular porque senón non poderíamos sobrevivir xa que continuaríamos medrando e chegaríamos a ter, por exemplo, máis de mil km de intestino (!!!)
Que ben nos explicou que precisamente cando fallan as "instruccións de morte celular" se produce unha variación que os científicos chaman "cancro"!



A fundación pública na que el investiga colabora co SERGAS con máis de trinta mil diagnósticos por ano derivados das súas investigacións. 
Con todo, e foi o que máis vos gustou, a fundación IMELGA (cpapx.xunta.es/instituto-de-medicina-legal-de-galicia) ten un área de estudo que é actualmente a estrela do proxecto: a rama forense. Eles forman o grupo de maior produción xenética do mundo e son consultados frecuentemente polo FBI e por Scotland Yard. 
A medicina forense pode axudar á xustiza a resolver os casos máis difíciles relacionados con asesinatos e tamén ás investigacións derivadas das grandes catástrofes (accidentes, terremotos, incendios...) coa información recabada dos restos de ADN.
Dende o instituto de medicina legal colaboran coas investigacións de Atapuerca, e con casos policiais como o de Alcasser, o caso Bretón, o caso Eva Blanco, as pesquisas sobre os enterramentos de Cristóbal Colón, os atentados do 11M en Madrid, os do metro de Londres, a operación Minstead...
Dúas horas que se fixeron curtas e toda a simpatía e a amabilidade de quen sabe tanto e quere axudar a saber...
Grazas, profesor!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...