19/6/15

Fin de curso

   


  Para rematar queremos deixar a foto de Dani Caxete, un astrofotógrafo que leva anos coleccionando premios e colabora coa NASA. A foto famosa  focalizou a atención de todos os medios cara a nosa paisaxe: a noite estrelada máis fermosa e o banco máis bonito do mundo están en Loiba, Ortigueira. Dende arriba podedes ver os cantís e a forza do mar, cando é día; cando é noite, con sorte e moita paciencia podedes ver este ceo.
     Con esta fotaza despedimos o curso.
     Quen ía dicir que chegaría despois de tantos exames, e recuperacións, e finais ...
     En fin, xa estamos ao final de curso e temos por diante dous meses, mais para que non esquenzades as boas maneiras, dende o equipo da Biblioteca queremos deixarvos unha escolma de recomendacións lectoras. A suxestións van organizadas por niveis, sempre podedes saltar de un ao outro,  ou mesmo podedes recomendar na casa. Libertade total! 





     No verán hai tempo para todo. E sobre todo, hai tempo para ler!

17/6/15

Club de lectura de verán

     


     Na última reunión do Club de Lectura decidimos levar para o verán algunha novela "negra" ou de investigación detectivesca. Así na próxima reunión (verán mediante) nos contaremos os casos e intercambiaremos os libros.
     Como sodes fans de Agatha Christie a selección pasa polas súas obras máis coñecidas (Morte no Nilo, Asasinato no Orient Express, Dez negriños) pero tamén quixen colarvos a Jack London con Asesinatos S. L. (edición en castelán)
     Bó verán de lecturas e ata a próxima convocatoria!


1/6/15

La balada del Norte, Alfonso Zapico

   




  Nestes últimos anos o cómic recibe moitas veces o nome de novela gráfica porque ven sendo elevado á categoría de obra literaria, como se non o fora antes. 

     O Premio Nacional de Cómic do ano 2012, Alfonso Zapico,  publica nova obra: La balada del Norte, unha boa "novela" histórica.

     A acción arranca cun prólogo no que se explica como  en 1909 comenzan os disturbios na cidade de Barcelona, trala leva forzosa decretada polo goberno de Maura intentando reforzar ao exército na guerra contra Marrocos. Vós estudades o episodio como a "Semana tráxica de Barcelona", verdadeiro xerme do movemento anarquista en España. As revoltas dos obreiros en torno ao movemento sindical anarquista serán a base do argumento.
     Algún tempo despois, os problemas laborais continuados e a represión policial farían que o protagonismo pasara aos mineiros asturianos. Fundaron  a "Comuna de Asturias" e se levantaron en armas na chamada "Revolución de 1934", foi unha revolución moi curta que só tivo repercusión alí e que Zapico pretende novelar cun guión de lexitimidade histórica e de moita forza narrativa, mais sobre todo cunha imaxe, en branco e negro, limpa e natural: só lapiz e papel.






 O protagonista é un home burgués que vive en Madrid e que se traslada a Asturias por motivos persoais. O contacto coas forzas vivas da alta sociedade e a experiencia de coñecer aos mineiros en loita dará lugar a fortes contrastes ao longo da obra.

     O autor:

     Alfonzo Zapico é asturiano, nado en 1981,  afincado agora en Francia (terra de "bande desinée"), sempre traballou na súa terra onde ademáis de publicar cómics colaborou na prensa. 
     A fama que lle deu a súa obra gráfica Café Budapest, publicada por Astiberri, fixo que as súas estancias en Francia foran cada vez máis frecuentes xa que alí teñen moita afección polo cómic e moito recoñecemento hacia os seus autores (algo que vai avanzando, pouco a pouco, neste lado dos Pireneos)
     No 2012 recibiu aquí o Premio Nacional de Cómic por unha obra adicada a un escritor; James Joyce, o título é Dublinés, unha biografía que achega a nós un personaxe difícil, autor dunha obra complexa, Ulysses, nai da narrativa contemporánea.


     Na mesa de novidades temos xa na Biblioteca La balada del Norte, non estaría mal botarlle unha ollada neste tempo de exames de Historia de España...

    
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...