28/4/14

In memoriam: Gabriel García Márquez

O 17 deste mes de abril morría Gabriel García Márquez, o xenial autor de Cien años de soledad, entre outras obras. Pois ben, recompilamos aquí e alá anacos da abundantísima información que nos proporcionaron os xornais sobre o escritor colombiano, a súa vida e obra;  sacamos dos estantes un exemplar de todas as obras súas das que dispoñiamos; copiamos varias pasaxes destas, e, con todo isto, montamos dúas humildes exposicións: una na entrada da biblioteca e outra no panel do vestíbulo. Animádevos e parádevos uns minutos a contemplalas. E se tendes máis que uns minutos, que vos parece empezar a ler Cien años de soledad, a obra maestra de Gabo? Dela dixo Mario Vargas Llosa, outro Nobel, que non se levaba moi ben que digamos con García Márquez, o seguinte: "[Cien años de soledad es] uno de los casos raros de la obra literaria mayor contemporánea que todos pueden entender y gozar”.





As fotos corresponden á exposición do vestíbulo.

















25/4/14

Se che gustan o mar e as letras, este pode ser o teu concurso





O Centro Oceanográfico de Vigo invítavos a participar no concurso de relatos que ten convocado para conmemorar os cen anos de creación do Instituto Español de Oceanografía. Así que xa sabedes: tendes ata o 17 de maio para argallar un microrrelato (de 500 palabras como máximo) ou un relato curto ( de entre 800 e 1500 palabras) en galego ou castelán relacionado coa investigación mariña e envialo á dirección que figura nas bases.

11/4/14

O club de lectura celebrou a súa reunión mensual


O intercambio de opinións sobre "El coleccionista de sellos" e "La ladrona de libros" acaparou a última reunión do club de lectura (nivel 2) que celebramos o pasado venres día 4 de abril. As dúas obras están causando moi boa impresión entre estas selectas devoradoras de libros. Por certo, por fin conseguín que polo menos un membro do nivel 1 se atreva coa novela histórica e lle dea unha oportunidade, eu penso que ben merecida, a "La plata de Britania", da escritora inglesa Lindsey Davis.




O recuncho dos libros liberados está que ferve

Procedencia da imaxe
Procedencia da imaxe
Procedencia da imaxe
Procedencia da imaxe





Si, improbables lectores e lectoras deste blog: o recuncho de libros libres está, e seguirá estando, que ferve nestes últimos meses do presente curso. E ferve en varios idiomas. Arriba tendes as portadas das últimas "liberacións" por orde inversa de aparición. Trátase de catro obras que acadaron fama e difusión arreo, auténticos best-sellers. Correde pillalos porque voan.



4/4/14

Tendes seis días para participar no Certame de Poesía "Francisco Añón", que convoca o concello de Outes

Atención: o día 10 deste mes de abril cérrase o prazo para participar no XVIII Certame de Poesía Francisco Añón que convoca o concello de Outes (A Coruña). Podedes atopar as bases no taboeiro das escaleiras (do noso amado instituto, claro), no da biblioteca (tamén do noso amado instituto) ou neste mesmo post. No caso de que chegarades ata aquí lendo, saberedes que a segunda das imaxes que inclúo a continuación é unha copia da primeira páxina das bases. Claro que vos faría falta unha vista de lince para entender o que alí se di: no problem, se premedes na imaxe accederedes a unha versión guai das mencionadas bases. E lembrade que quen queira concursar atopará no equipo da biblioteca a axuda e  colaboración que precise.


http://www.outes.es/arquivos/BASES_CERTAME_POESIA.pdf

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...