20/6/13

O club de lectura celebrou hoxe a súa festa de despedida

A xente do club de lectura quedamos hoxe ás 12 e 10 para celebrar unha pequena festa de despedida. Non durou moito, só os vinte minutiños do segundo  recreo, pero aproveitámolos ben para repoñer forzas, divertirnos e quedar para o próximo curso, no que contamos con seguir lendo a mazo e pasalo de marabilla.

 club de lectura 1

club de lectura 3

club de lectura 4

club de lectura 5

13/6/13

"Para ler e encantar", guía de lectura das bibliotecas municipais de Oleiros

Como en anos anteriores, as bibliotecas municipais de Oleiros publican unha guía de libros e  discos que poden acompañarnos este verán. Nesta ocasión titúlana "Para ler e encantar" e está cheíña de suxestións aproveitables para distintos gustos e  idades. Invítovos (sáeme de balde) a que leades a entrada completa do blog Bibloleiros na que se informa da aparición e os contidos da revista-guía da que vos estou falando ( só tendes que premer nalgún dos links que vou deixando por este post). E invítovos tamén (outra vez me sae de balde) a que vos animedes a pasar por calquera das magníficas bibliotecas municipais para pillar  unha copia da guía e/ou  o feixe de libros e discos por vós escollidos.



E no seguinte enlace a mismísima guía en formato dixital:

Para ler e encantar: guía de suxestións para o verán 2013

Diario de lectura de "La emperatriz de los etéreos"

De parte do club de lectura, ou máis ben de tres destacadas participantes, Inés, Irene e Florencia, regálovos hoxe esta presentación elaborada con citas sacadas da novela de Laura Gallego "La emperatriz de los etéreos". De nada.

12/6/13

Vai sendo hora de entregar pasaportes lectores e caderniños de lectura

Pídenme que vos comunique que o día 17 de xuño remata o prazo para entregar os Pasaportes lectores e os caderniños de poesía do Recuncho. Que onde hai que entregalos? Na biblioteca, of course. 


11/6/13

"Argo" (a novela), "Bombón el perro", "El jurado" incorpóranse á biblioteca

Para engrosar as posibilidades lectoras das apetitosas vacacións que están á volta da esquina, varios títulos máis se incorporaron onte á nosa biblioteca. Son os seguintes:

novidades xuño

Máis títulos en Pinterest, e, por suposto, no noso catálogo.




10/6/13

Maurice Sendak en Google e na biblioteca


A estas alturas supoño que xa veriades o  doodle que estrea hoxe Google para lembrarnos o 85 aniversario de Sendak, o famosísimo ilustrador de "Onde viven os monstros" (entre outras moitas obras, pero esta merece mención aparte). Recórdovos o argumento desta deliciosa obriña:
 
Max escapa da súa casa un día pola noite. Está canso de que lle rifen por facer travesuras e non está disposto a aturar o último castigo que pretenden impoñerlle os seus pais. Como atrevemento non lle falta, Max monta no seu bote e navega e navega ata chegar ao 'reino' dos monstros. Alí noméano rei porque os monstros danse conta de que ningún deles é tan temible como o rapaz. Logo dun tempo de pasalo de primeira cos monstros, Max volve á casa.

O tráiler da película baseada en "Onde viven os monstros" (á túa disposición na biblioteca; a película, non o tráiler)



O 85 aniversario de Sendak en La Voz de Galicia



Obras de Sendak nas bibliotecas municipais de Oleiros

6/6/13

Liberamos "El mundo secreto de los números" e "Cuatro ratones en la selva negra"

Liberamos hoxe dúas donacións que nos chegaron á biblioteca hai pouco. Trátase de dous títulos que de boas a primeiras poderiamos considerar máis axeitados para rapaces ou rapazas de primaria que para os casi adolescentes ou adolescentes feitos e dereitos que habitan este instituto. De calquera xeito, xa saberedes a estas alturas que a  iso da "idade recomendada" dos libros podémoslle facer caso ou non, segundo nos pete. Sigo: os tales libros titúlanse El mundo secreto de los números, de Ricardo Gómez, e Cuatro ratones en la selva negra, de Gerónimo Stilton. Xa sabedes, quedan no Recuncho dos Libros Libres, na entrada do salón de actos.

Procedencia da imaxe
Procedencia da imaxe

3/6/13

Para ler e ver antes de ler

 comienza a leer

As editoriais déronse de conta hai tempo de que lles conviña figurar nas redes sociais, un medio barato e hoxe indispensable para chegar ao público lector. Hai que dicir que algunhas destas editoriais parecen máis espelidas neste punto ca outras. Non vou nomear a ninguén, pero ás veces cóstame atopar información sobre un título, ou unha imaxe dalgún libro que me interesa comentar (e non quero botar man de Amazon ou a FNAC para que logo non se diga que lles carrexo lectores a eses dous xigantes en detrimento das librarías pequenas) e lamento a pouca pericia empresarial que mostran. Non é o caso de  Alianza Editorial, de cuxo Pinterest somos seguidoras nesta biblioteca. Gústannos sobre todo os seus taboleiros "Comienza a leer" desde onde podemos acceder aos primeiros capítulos dos libros que vai sacando esta editorial, e Booktrailers que nos mostra unha presa de trailers de libros da mesma editorial. Déixovos unha captura de pantalla do taboleiro de primeiros capítulos e o trailer de La hija de la criada, de Bárbara Mutch.

 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...