22/3/13

O club de lectura quere a Moccia

O club de lectura reuniuse cunha semana de retraso por aquilo dos exames, entrega de traballos e demais minucias que amenizan a vida dos seus integrantes. Falamos de Laura Gallego, de "La emperatriz de los etéreos", de "Dos velas para el diablo" e do que nos apetece ler no terceiro trimestre. A que isto escribe propuxo unha incursión na literatura de humor e deixou caer algúns títulos ("Pobre Manolito", a serie de Guillermo, "El candor del padre Brown"...), que non foron moi ben acollidos, a verdade. Parece que o amor (e Federico Moccia, I'm afraid) ten máis seguidores entusiastas neste instituto. Seguiremos con este tema á volta de vacacións. Tamén importante: ademais de falar de libros, repartimos uns caderniños e comemos unhas galletas.


Benvida, poesía

Conste que neste centro somos juanramonianos ata os osos niso de que "amor y poesía, cada día", pero imos conceder que hoxe, 21 de marzo, día mundial da poesia, correspóndelle a esta forma de arte un espazo maior na nosa axenda. Para empezar, temos unha exposición bibliográfica con poemas e libros de poesía que podedes visitar, tocar e incluso  levar para ler na casa, se vos praze. Rapaces e rapazas de 4º está elaborando caligramas, e os de primeiro haikus, cos que pensamos montar outra exposición á volta de vacacións. Nesas datas contamos tamén con dar a coñecer unha nova gravación dun recital de poesía que titulamos "Pido a paz e apalabra" que os artistas de 4º e o equipo da biblioteca andan a elaborar estes días. Con todo isto, esperámovos á volta de Semana Santa. Mentres tanto, pasade unhas felices vacacións.


19/3/13

Unha flor "explicada" é menos bonita?



Sodes dos que credes que a ciencia destrúe a beleza e o encanto da natureza? Se é así, sabede que contades con ilustres predecesores: o poeta John Keats (1775-1821), por exemplo, que no seu tempo  acusou a Isaac Newton de chafar a beleza do arco iris coa súa explicación científica das luces e cores que conforman este fermoso fenómeno óptico. Moito máis recente é a controversia entre o famoso Richard Feynman e un artista amigo seu acerca do mesmo tema, é dicir, de quen obtén un maior gozo da beleza, o artista ou o científico.  Feynman defendía, nunha entrevista que concedeu á BBC, a superioridade da, digamos,"sensibilidade científica", capaz de ir máis aló da aparencia e marabillarse coa complexidade e harmonía interior de cada obxecto. Dunha flor, por exemplo. Logo apareceu Fraser Davidson e compuxo un moi fermoso vídeo inspirado na resposta de Feynman. A Manuel Gago, o autor de Capítulo 0, blog de onde tomo esta información, o tal vídeo parécelle  unha xoia de visualización científica. A min tamén. Por iso o poño aquí.






Lede máis detalles sobre esta cuestión e a transcipción dun fragmento das declaracións de Richard Feynman no blog Capítulo 0.




18/3/13

Pontedeume tamén vos invita a escribir

Se aínda cursades primeiro ou segundo de ESO, podedes abstervos de ler este post. De aí para arriba (é dicir se estades en 3º ou 4º de ESO, bacharelato ou ciclos e tendes menos de 20 anos) impórtavos saber que o concello de Pontedeume  xentilmente vos invita a participar no seu concurso de contos "Vila de Pontedeume". O prazo para a entrega de traballos remata o 15 de abril e o premio vén sendo exactamente 759,50€. As bases, na páxina do concello que linquei máis arriba.






14/3/13

El vendedor de humo


Este vídeo  que vedes aquí e que se titula  El vendedor de humo gañou o premio  Goya 2012 á mellor curtametraxe de animación. Na súa páxina oficial dise o seguinte sobre o argumento:
Un vendedor ambulante llega al pueblo ofreciendo una extraordinaria mercancía, hacer realidad los sueños de sus habitantes, eso sí, por una módica cantidad. Sin embargo, los lugareños no tienen tiempo para fantasear mas ocupados en sus quehaceres. El comerciante tendrá que desplegar todo su potencial para atraerlos y conseguir ganar algo de dinero antes de que, como en todo sueño, todo se desvanezca y despierten.









Vía: Nosololibros

Un ilustrador en acción


O mesmo podiamos ter titulado este post "Talento en acción". Hainos que se levantan coa arte e a inspiración en plena forma e son capaces de facer cousas como as que vemos neste vídeo mentras borbotea a cafetera e se lle van tostando as rebandas de pan. Sorte que teñen.







visto no twitter de Pencil-ilustradores









13/3/13

Salvador Dalí debuxa a Cervantes

A comenzos dos anos sesenta do pasado século un editor suízo encargoulle a Dalí  a creación  de cinco gravados que celebrasen a cadansúa figura, real ou imaxinada, que exercera unha forte influencia na cultura expañola. Dalí titulou a colección  Españoles Immortales, e incluíu nela esbozos de Cervantes, Don Quixote, El Cid, El Greco e Velázquez. Non é unha mala selección, non vos parece? Insertei aquí os gravados de Cervantes, El Cid e Don Quixote. Os demais podédelos ver na páxina de  Open Culture, de onde tomo esta información.
Aproveito o post para recomendarvos esta outra páxina onde se publicaron as 100 ilustracións de Dalí para a Divina Comedia de Dante. Preciosísima.












Vía: Open Culture 























Concursa con Cambre


O concello de Cambre bríndavos unha oportunidade máis de mostrar as vosas habilidades escritoras coa convocatoria, e xa van vinte, do seu  certame literario. Podedes participar nas modalidades de poesía (tres poemas, como mínimo) e relato curto (cinco páxinas tamaño DIN-A4). Os traballos deben estar escritos en lingua galega. O certame estable tres categorías e dous premios, segundo vos indico a continuación:

CATEGORIA A: de 12 a 14 anos
CATEGORIA B: de 15 a 18 anos
CATEGORIA C: de 19 a 26 anos

CATEGORIA A: 1º Premio: 173,00 € 2º Premio: 128,00 €
CATEGORIA B: 1º Premio: 218,00 € 2º Premio: 150,00 €
CATEGORIA C: 1º Premio: 300,00 € 2º Premio: 173,00 €
O prazo para a presentación das obras remata o 12 de abril.




Bases do certame

12/3/13

Cal é o título do único libro de poesía que publicou Otero Pedrayo en vida?

Tes ata as 3 da tarde do mércores 13 deste mes de marzo para contestar a esta pregunta que che fan os responsables de culturagalega.org: Cal é o título do único libro de poesía que publicou Otero Pedrayo en vida?




Documéntate aquí: Fundación Otero Pedrayo
Non estaría mal que lle botaras unha ollada á Galipedia

Riazor

Teño o pracer de vos comunicar que a nosa biblioteca gañou hoxe mesmo 8 novos compactos que colocarei no armario correspondente nada máis rematar este apresurado post. Agora ben, antes incluso de abrir o escritorio deste noso blog,  pasei por Pinterest e rexistrei as novas adquisicións no taboleiro de novidades de marzo para que podades contemplalas a gusto. E seguindo coa miña ruta por Internet, e por recomendación de Violeta, fixen unha parada en youtube para ver se atopaba algún vídeo que recollese a canción "Riazor", do álbum de Amaral "Hacia lo salvaje", un dos compactos que acabamos de mercar. Youtube non me fallou, como case sempre, e por iso podo deixarvos aquí este tema que, se mo permitides, e aínda que non fala de Riazor estadio senón da praia do mesmo nome, vou adicar a todos os seguidores e seguidoras do Deportivo, por aquelo de lles dar ánimos e deserxarlles que cheguen ao final da liga, a ser posible con alegría, e, senón, con serena resignación.


7/3/13

Novidades de marzo

Acabamos de lles facer sitio nos nosos andeis a catro interesantes títulos de banda deseñada. Se queredes saber máis deles podedes ir ao taboeiro pinterestiano que creei ad hoc. Por suposto, tamén podedes consultar estas novidades in situ. No armario dos cómics estarán esperándovos.








Certame literario Luísa Villalta

O IES Isaac Díaz Pardo, de Sada, invítavos a participar no X Certame Literario Luísa Villalta. Como en anos anteriores, este certame vai dirixido á xente de ESO e bacharelato e comprende dúas modalidades: poesía (un máximo de 40 versos) e relato curto (un máximo de tres folios). Para cada unha destas modalidades concederanse dous premios: un primeiro de 200 euros e un lote de libros e un segundo de 100 euros e un lote de libros. Animádevos, logo, a participar, e lembrade que o equipo da biblioteca ofrécese a vos prestar axuda e  asesoramento.




4/3/13

Poemas de amor desde a biblioteca

Completamos o venres pasado  os recitais de poesía que viñamos preparando na biblioteca desde había un tempo. Novamente foron os alumnos e alumnas de cuarto os que colaboraron de forma entusiasta prestándolles a súa voz e ben facer a catorce preciosos poemas de amor da literatura galega e castelá. Tivemos a bén gravar as actuacións para que poidades escoitalas nas vosas casas, vós e o resto do mundo que segue con expectación o noso blog. Que as disfrutedes.

Procedencia da imaxe

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...