29/10/12

Mo Yan en boa compañía

Reprodúzovos a continuación unha presa de datos sobre Mo Yan, o Premio Nobel de  Literatura 2012 que Marisa Herraiz xuntou  mirando aquí e acolá por Internet adiante:

En realidade, chámase Guan Moye. Mo Yan, é un seudónimo que significa "non fales".
Naceu en Gaoni, Shandong, China, o 17 de febreiro de 1955.
Nas súas novelas apréciase a influencia de García Márquez, Tolstoi e Faulkner.
É coñecido como o Kafka chino.
Tén sete libros traducidos ao castelá, que son os seguintes:

                              Shifu, harías cualquier cosa por divertirte
                              Sorgo rojo
                              La vida y la muerte me están desgastando
                              Las baladas del ajo
                              Grandes pechos, amplias caderas
                              La república del vino
                              Rana

Se queredes saber que escritores en lingua castelá obtiveron o Premio Nobel e curiosear nalgún dos seus títulos máis importantes, na entrada da biblioteca tendes unha pequena exposición ad hoc. Dela son estas fotos que aquí vos deixo.









"María Casares" le a María Gripe









Os ilustres (está mal que eu o diga, pero aí queda)  membros do Club de lectura "María Casares" xuntámonos o pasado venres día 26 do corrente mes de outubro ás doce e cuarto da mañá na chamada sala de titorias coa seguinte orde do día:
  • vernos as caras.
  • pillar cada un o seu exemplar da obra de María Gripe "Os escaravellos voan á tardiña".
  • organizarnos un pouco: cantos capítulos lemos, en que tempo, cando nos volvemos a ver e demais. 
  • comer unhas pastiñas, que a mañán é longa e os ánimos frouxean.
  • rogos e preguntas, se procedese (procedeu).
Comprobamos que uns cantos dos alí presentes, mellor dito, unhas cantas, recuncabamos do anos pasado e que outras (vou seguir co feminimo, para contribuir modestamente a que se poña de moda o feminino inclusivo), acabadas de chegar ao instituto, se incorporaban con forza a este club, que aínda sendo selecto onde os haxa, acepta a calquera que goste dos libros e non lle incomode falar deles de cando en vez.. Vinte minutos de recreo non dan para moito, pero chegaron para que todas poidésemos constatar que hai gañas de ler (tamén de comer, todo hai que dicilo) e de poñerse á tarefa canto antes. Algúnhas opinaban que os catro capítulos da obriña de María Gripe, que quedamos en ler antes da próxima reunión, eran pouca cousa, un bocadiño de nada para un apetito lector tamaño XXL. Pero, en fin, quedamos niso, en ler catro capítulos do libro, como mínimo, antes do 8 de novembro, data na que volveremos a nos reunir. Claro que o queira pode seguir adiante lendo ata a ultimísima páxina, con tal de que na seguinte xuntanza non fale máis da conta e nos estropee a intriga, que. Tamén repartimos marcapáxinas, xentileza das bibliotecas municipais de Oleiros, e uns post-its que nos servirán para anotar algún pasaxe, frase, cita, que nos pareza merecedor de pasar á posteridade dixital a bordo dunha presentación que colocaremos en slideshare.

28/10/12

Conta coa ciencia

Procedencia da imaxe



Un breve aviso que teño pendente desde hai unha semana, polo menos. Chéganos noticia da Universidade de Vigo da quinta edición do concurso CQC12 (Ciencia que conta 2012) que premia relatos onde se destaque o papel da ciencia e dos científicos no desenvolvemento económico e de todo tipo. Hai catro categorías:  unha na que pode participar todo quisque (por exemplo, eu) e outras tres reservadas ao alumnado: Primaria, Secundaria e Bacharelato. Informádevos na propia páxina do concurso (A ciencia que conta), onde poderedes descargar as bases e consultar os traballos premiados en anos anteriores. A min só me queda dicirvos que o prazo remata o día 16 de novembro e que o primeiro premio de cada categoría é unha "tablet" (non din cal).

O blog de Educabarrié informa sobre CQC12

25/10/12

Viaxa á Idade Media con Manel Cráneo

O noso admirado Manel Cráneo pon a súa mestría de debuxante ao servizo de  Torre dos Mouros, o proxecto arqueolóxico que pretende recuperar unha fortificación medieval situada na parroquia de Lira, en Carnota. E faino, como non podía ser doutro xeito, cunha banda deseñada na que recrea a vida e as penurias dos torremoureláns do século X. De momento, non temos á nosa disposición máis que as dúas primeiras páxinas da obra de Cráneo,  pero ollo con elas, porque, segundo Manuel Gago (de Capítulo Cero), enganchan "nada máis comezar". Qué nos vai contar a nós, que somos fans de Cráneo de toda a vida.


Procedencia da imaxe


Para máis información: Capítulo Cero, o blog de Manel Cráneo e a páxina do proxecto arqueolóxico "A Torre dos Mouros".

15/10/12

Pero quen é Little Nemo?

Procedencia de la imagen



 A moitos de vós sorprenderiavos esta mañá o precioso debuxiño interactivo co que Google nos ameniza hoxe as búsquedas. O nome do personaxe protagonista das viñetas "googlelianas" é Little Nemo, un vello coñecido de Violeta, a profesora de Lingua Castelá, experta no mundo do cómic, pero un perfecto descoñecido para min. Así que fun á  wikipedia, que todo o sabe, para que me ilustrase no tocante ao  mundo  deste simpático personaxe e do seu autor, o escritor norteamericano Winsor McCay.  Logo, lendo o xornal, vin que tamén La Voz de Galicia se ocupa do doodle de Google e das súas orixes,  e faino  de xeito máis breve e axustado. Por esta razón, vos remito ao xornal galego se vos chega cunha pequena píldora informativa sobre Little Nemo e Winsor MCay. Eu vou dar clase.
La Voz de Galicia: Winsor McCay lleva a Little Nemo al mundo de los sueños de Google

Para ir lendo a María Gripe

Permitídeme que enrede algo contándovos as razóns polas cales escollemos a novela de María Gripe  Os escaravellos voan á tardiña como lectura de arranque para un dos clubs de lectura deste curso. Unha desas razóns, pero non a máis importante, é que tiñamos unha pila de exemplares deste libro e iso evítanos  chamadas e viaxes a outras bibliotecas. Agora ben, tamén temos cantidade de exemplares doutros títulos e levamos cursos rexeitándoos para os nosos clubs. Parécenos que é importante escoller ben, que hai moitos libros espanta-lectores mozos, incluso aínda que sexan de calidade, e outros que simplemente non paga a pena ler. Ese non é o caso de Os escaravellos voan á tardiña, libro que recordábamos con agrado as responsables da biblioteca que o lemos hai xa anos. E foi precisamente esta "memoria emocional", se é que tal cousa existe, a razón principal pola que  seleccionamos este título para o noso club. Porque se algo che gusta queres compartilo, ou non? E logo vén o feito de que María Gripe é unha recoñecidísima escritora de literatura xuvenil, gañadora, entre outros premios, do Hans Christian Andersen (algo así como o Premio Nobel da literatura infantil). Precisamente o o blog das Bibliotecas Escolares de Galicia destacaba nun post aparecido en abril de 2007 a calidade literaria e humana de María Gripe, que acababa de falecer  por aquelas datas.

Queda logo claro que María Gripe é unha excelente escritora. Pois ben Os escaravellos voan á tardiña é a súa obra máis lograda. Co voso permiso, volvo a agarrarme a voces autorizadas que me permitan deixar ben claro que paga a pena ler esta novela. Autoridade indiscutible no que atinxe á literatura infantil e xuvenilA revista CLIJ  publicaba hai anos unha extensa reportaxe sobre a obra de María Gripe  na que se subliñaba o carácter universal das obras da escritora sueca, nas que "historias e personaxes non entenden de diferencias culturais, polo que o lector das súas novelas séntese plenamente reflectido nelas e identificado cos seus plantexamentos". Con respecto a Os escaravellos voan á tardiña, CLIJ cóntanos o seguinte:
A partir de 1980, María Gripe se arriesga con un nuevo género por el que siempre se había sentido atraída: la novela de misterio. Con su aproximación a la literatura de suspense, la escritora consigue atraer al sector juvenil, ya que este género es sin duda el más adecuado para despertar en el adolescente el interés por la lectura.
A esta época pertenece uno de sus libros más alabados Los escarabajos vuelan al atardecer (1979), que todavía hoy continúa siendo reeditado y ha alcanzado las cuarenta y cuatro ediciones en España. David, Annika y Jonás son tres jóvenes amigos que pasan las vacaciones de verano cuidando las plantas de una misteriosa finca que guarda enigmáticos secretos. A través de la identificación de cada uno de los tres protagonistas con una parte del misterio, el lector se acerca a su mundo interior y descubre sus caracteres y personalidades. Y es que el misterio proporciona en esta ocasión a la autora un pretexto con el que continuar desmenuzando las relaciones humanas, el amor e incluso el papel de la mujer en la sociedad del siglo xix.
E para que vaiades comprobando por vós mesmos  a exactitude e verdade de todo o antes dito, aconséllovos clicar no seguinte enlace:

Primeiro capítulo, en castelán, da obra de María Gripe Los escarabajos vuelan al atardecer

3/10/12

"Plenilunio" na biblioteca

Superados uns pequenos atrancos cos códigos de barras, quedan pousados no seu correspondente andel os dez novos exemplares de Plenilunio, a popular obra de Antonio Muñoz Molina, que a biblioteca mercou para uso de calquera que lle apeteza lela, por suposto, pero sobre todo para uso dos alumnos e alumnas de segundo de bacharelato, que deberán dar conta desta novela nas próximas probas de Selectividade. E para que uns e outros vaian  entrando en materia, se o estiman oportuno, déixolleos uns links onde poden ler unha sinopse do libro e as dez primeiras páxinas. E, por que non, tamén coloco aquí o tráiler da película de Imanol Uribe baseada nesta obra de Muñoz Molina.
Sinopsis e ficha de Plenilunio (editorial Alfaguara)
Primeiras páxinas de Plenilunio


1/10/12

O concello de Dodro premia a poesía inédita e de calidade

Procedencia da imaxe


Se tes escrito un mínimo de 500 versos e non sabes que facer con eles, teño unha suxestión para ti. Que tal se os reúnes nun libriño, lles buscas un título xeitoso (seguro  que imaxinación non che falta: se xa compuxestes cinco centos versos, argallar un título ten que ser pan comido para ti) e os envías ao concello de Dodro? Digo isto porque o tal concello acaba de convocar, ou eu acábome de enterar, o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, co  que pretende honrar a memoria do seu ilustre bardo e "contribuír á promoción da poesía galega", segundo din os convocantes do concurso. E, de paso, digo eu, alegraranlle a vida ao  poeta (home ou muller, of course) que consiga o substancioso e único premio de  2300 euros e, o que seguro é máis importante para o noso poeta: a publicación da súa obra na editorial Sotelo Blanco. Así que ánimo, alum@s e exalumn@s afeccionad@s á poesía: a concursar e a gañar, se se pode.


Consulta aquí as bases do premio  Eusebio Lorenzo Baleirón
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...