29/5/12

Atrevédevos a escribir

Propiedade da imaxe: imago, Flickr Creative Commons
Hoxe quero darvos un amistoso empurronciño para que vos decidades a escribir microrrelatos e a presentalos no concurso que temos convocado na biblioteca. Xa sabemos que tendes moito traballo: exames, libros de lectura obrigatoria, actividades extraescolares..., a vida do estudante cumpridor é moi estresada. Agora ben, lémbrovos que ler e escribir microrrelatos é máis un pasatempo (iso sí, un pasatempo "intelixente") e non unha tarefa desas que ás veces nos impoñemos porque nos parecen interesantes pero que nos esixen disciplina e constancia. Pensaba subir a Scribd o documento cos modelos de microrrelatos que vos preparou Violeta (hai copias impresas na mesa de entrada da biblioteca) pero inhíbome, non vaia ser que vulnere os dereitos de autor de alguén. O que si podo facer é dirixirvos a dúas páxinas que vos ofrecen consellos para redactar e modelos unha delas, e
exemplos de microrrelatos de autores de primeira categoría a outra (máis recomendable esta última, empezade por aí se non tendes moito tempo)

Relatos vertiginosos, cuentos mínimos y otras rarezas literarias
Ciudad Seva: Minicuentos

22/5/12

Microrrelatar ten premio


Permitídeme que vos dea unha información a medias. A biblioteca do centro ten convocado un concurso de microrrelatos. Seino porque o vin nos paneis de entrada á sala de lectura. Sei tamén que o prazo de entrega dos traballos remata o 10 de xuño e  que estades invitados a participar todos os alumnos e alumnas deste centro. Ignoro, en cambio, os premios, se hai distintas modalidades segundo o nivel no que esteades matriculados e outros detalles sen maior importancia que soen acompañar ás convocatorias destes eventos e que normalmente chamamos "bases". Cando me entere (lembrade que son unha bloguera "de medio pelo", non se me pode pedir moito), cóntovolo. De momento o importante queda dito. Así que agarrade o teclado ou o bolígrafo e a relatar.

Cópiovos a continuación o contido do carteliño anunciador do concurso:
 
 
 
CONCURSO DE MICRORRELATOS
 
  •  le os microrrelatos que están enriba da mesa da Biblioteca

  •  escolle un modelo para crear o teu microrrelato

  •  entrégao na Biblioteca antes do 10 de xuño de 2012

(Todos poden participar: haberá sustanciosos premios)
 
 
 
 

16/5/12

Valentín Paz Andrade: vida e obra


Aquí tendes un caderniño moi completo sobre Valentín Paz Andrade editado polo Departamento de Normalización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega en colaboración co concello de Oleiros e a Asociación de Pais e Nais do noso instituto. Vaise repartir a edición impresa de aquí a pouco. De momento, sérvenos a edición dixital que, para a miña idea, grazas a Issuu non desmerece nada.



15/5/12

Por que a Real Academia Galega escolleu o 17 de maio para celebrar o Día das Letras Galegas?




Se sabedes a resposta á sinxela pregunta que serve de título a este post, podedes participar no sorteo que Cultura Galega organizou coa colaboración da editorial Galaxia e a Biblioteca do Consello da Cultura Galega. E se non a sabedes e igoalmente queredes participar, premede aquí. Regalan cinco  lotes de libros cedidos pola editorial Galaxia. Cópiovos algúns datos máis urxentes e importantes e remítovos, para máis detalles, a culturagalega.org.

As respostas enviaranse antes das 15 horas do luns 21 de maio ao correo lg3@culturagalega.org .


O correo debe levar como asunto “sorteo DLG” e incluír o nome e apelidos, o teléfono e o número de DNI da persoa que participa.


Cada persoa só poderá participar unha vez e a través dunha soa conta de correo.

Moito conto



Temos montada desde hai uns días na entrada da biblioteca unha pequena exposición cunha selección de libros de contos e minicontos. Quedades, logo, invitados e invitadas a visitala, a coller a obra que vos pareza máis atractiva e, por suposto, a lela nos próximos días. Que tendes agora mesmo moito traballo, exames, deberes, recuperacións? Créovolo ben, pero permitídeme que vos diga que o relato breve é un formato que vén que nin pintado para eses necesarios altos que precisamos facer nas longas tardes dedicadas ao estudo e a comprimentación dos "deberes". Animádevos, que a exposición é pequena pero contén variedade abonda para satisfacer gustos distintos. Por certo, e para rematar, de entre os libros expostos destaco o de Fernando Díaz-Castroverde, coñecido por aquí como  "Fernando, o profe de galego", titulado "Microbios e outros paquidermos". Como saben os atentos seguidores deste blog, con esta obra Fernando gañou o premio Repsol 2011.

13/5/12

Caza do tesouro sobre Valentín Paz Andrade

Tamén é obra de Marisa Díaz, que non para, esta caza do tesouro sobre a figura de Valentín Paz Andrade, escritor ao que vai dedicado este ano o Día das Letras Galegas. Premede na imaxe para acceder ao documento.

Xa rematamos a presentación de "Mi familia y otros animales"

Acábame de chegar por correo electrónico a  presentación de "Mi familia y otros animales", deseñada e montada por Marisa, a profesora de galego, coas aportacións da xente que forman parte do club de lectura de primeiro de ESO. E gústame tanto que sen máis tardar, e con moito gusto, vouna colocar neste blog agora mesmo, domingo 13 de maio, para que luza canto antes, e o resto do mundo, que estará expectante (calculo) saiba das vosas mañas lectoras e artísticas .



8/5/12

A verdade de Hipatia

Levo tempo querendo redactar este post pero ocorreu que este ordenador do que gozo e co que sufro a partes máis ou menos iguais non me deixaba conectar coas páxinas da Consellería de Educación, onde desde febreiro deste ano está publicado, case compre máis dicir que escondido, o traballo do que  vos quero falar. Trátase dun proxecto elaborado polo equipo da  biblioteca durante o curso 2009-2010 que obtivo un dos terceiros premios á innovación educativa na modalidade de "Introdución das competencias básicas na aula dixital" que a Consellería de Educación outorgou no ano 2010 . Lembrade que o ano anterior estreara Amenábar unha película que se titulaba Ágora e que se centraba na figura de Hipatia, unha matemática de orixe exipcia e cultura grega que viviu alá polo século V . Pois ben, o traballo que elaboraron as miñas compañeiras arranca dos feitos que se narran na película de Amenábar para profundar nos fundamentos históricos da protagonista e a súa época. Se tendes un pouquiño de lecer e vos prace botarlle unha ollada ao proxecto, que se titula, por certo, "A Verdade de Hipatia", comprobaredes que  se trata dun traballo feito con moito esmero e moi completo, cunha colección  de paneis para expoñer, tres webquests para diferentes niveis educativos, un cinefórum e tres cuestionarios, entre outros apartados. O traballo pódese ver online ou descargar. Deixo links, a continuación, e fotos de alumnos e alumnas traballando no proxecto.

Páxina para descargar o proxecto
Indíce e links aos distintos apartados de "A verdade de Hipatia"
As webquests 












Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...