21/6/11

Que ler este verán (II)

Na biblioteca xuntamos un feixe pequeno de títulos recomendados por lectores e lectoras de todas as idades e tendencias e démoslle forma de folleto. Aínda que só ten dúas páxinas, paréceme que contén variedade abonda para satisfacer distintos gustos lectores. Pero, por se me engano (procuro non descartar nunca esta posibilidade),  vou incluírvos neste post algúns links que vos poden servir de inspiración extra se aínda non sabedes que ler nestes próximos e marabillosos meses de vacacións.

Primeiro un link de links que vos levará aos blogues das bibliotecas escolares de Galicia. Por estas datas comezan a publicar interesantes guías de lectura estivais.

Lecturas refrescantes: nada menos que 308 suxestións de libros, cds e dvds ao alcance da vosa man, xa que se trata da xenerosa proposta que poñen en marcha para este verán as bibliotecas municipais de Oleiros.

Xa dentro da nosa casa común, pásovos as propostas que publica Marisa, a profesora de galego, no seu blogue Enredando coas palabras. Co seu permiso, e unha vez que me poña diante dun ordenador máis preparado para a multitarea que este do que agora mesmo dispoño, publicarei neste blogue o contido do glog de Marisa.

E a continuación, a nosa proposta. Para vela en pantalla completa, premede "ver en pantalla completa", onde se non.

16/6/11

Ler ten premio

Lendo pasámolo ben e non precisamos ningún  outro premio adicional. Estamos de acordo. Así e todo, na biblioteca pareceunos que procedía outorgarlles un pequeno premio, un "detalle", a todos os que participaron no club de lectura. Así que lles regalamos un sinxelo caderniño de follas en branco coa esperanza de que o empreguen para se adestrar como escritores,  porque xa sabedes que da lectura á escritura non hai máis que un paso e canto antes se dea, mellor.
Por outra banda, e xa postos, quixemos explorar as posibilidades de Glogster, ferramenta coa que non traballaramos antes, e elaboramos uns cantos glogs sobre o tema do libro lido. E aquí volveunos a saír a vena premiadora e convocamos un concursiño para elixir aquel cartel que nos parecera máis logrado. E o premio foi para  María Díaz, de 1º D,  polo especial  coidado e  empeño  que puxo na elaboración do seu glog. Reprodúzovos a continuación o glog premiado, unha foto da entrega (nada solemne) do premio a María e unha foto dos integrantes do club de lectura



entrega premio

club de lectura 1

Que ler este verán

Estes días ides atopar polo instituto uns cantos carteis coma este que hoxe reproduzo aquí. Confeccionámolos con paciencia e suxestións de alumn@s e profesor@s. Hai unha certa variedade, como poderedes comprobar: novela romántica, de aventuras, ciencia ficción, e ata o Súper Mortadelo e Filemón de toda a vida. Así e todo, se non vos convencen os títulos que expoñemos, don't worry: na biblioteca temos moitos, moitos máis.

libros verano a4

14/6/11

Repetimos post

Cando un traballo sae mal, non queda outra máis que repetilo amodo e poñéndolle sentidiño. E a min saíume mal o anterior post; confiei demasiado en Blogger e na súa capacidade de subir e publicar vídeos. Puiden comprobar que era ben limitada. Observariades que a versión do vídeo de Lois Pereiro que coloquei no post inmediatamente anterior a este é bastante cutre e deixa deslucido o valioso traballo do Departamento de Galego. Así que fun rezarlle a outro santo, San Youtube, que é moi avogoso para iso dos vídeos, e alí deixei unha versión máis potente do vídeo. Incrústoa aquí  para que poidades gozar dunha contemplación de moita máis calidade, moito máis acorde cos merecementos do clip.


9/6/11

Sempre Lois

Outra xoia que nos regalan Marisa, do  Departamento de Galego,  Manuel Álvarez e un grupo de quince rapaces e rapazas de distintos niveis. Trátase esta vez dun vídeo sobre a figura de Lois Pereiro: momentos destacados da súa vida e unha pequena antoloxía da súa obra poética. Todo iso cunha música e unhas imaxes de fondo que invitan á nostalxia. Un traballo sobresaliente.












Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...