21/12/10

Por suxerir que non quede




As bibliotecas municipais de Oleiros publicaron onte no seu blogue a guía de lectura para este Nadal . Titúlase "Palabras para encher ilusións" e , según nos din os seus responsabeis, "trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir."

Para máis información visitade o blogue das bibliotecas, aínda que avísovos de que hai un problema co link que debería levarnos á guía de lectura. Eu non conseguín abrilo.

E por se isto non vos basta, a páxina das bibliotecas escolares de Galicia publica unha listaxe das guías que se veñen publicando estes días nas diferentes bibliotecas escolares de Galicia (onde se non?). Voici o link: Lecturas para o Nadal 2010


Que vostedes o lean ben.

16/12/10

Vai de caligramas

Di o dicionario da Real Academia Galega que un caligrama é un "verso ou composición poética en que as palabras forman un debuxo relacionado co contido do poema" O seu creador foi Apollinaire. A el pertence o seguinte caligrama, que pillo da páxina librosenlanube:















Este outro en forma de árbore do Nadal xa non é de Apollinaire, pero encántame, tan cheo de bos desexos e tan optimista. Vouno empregar como felicitación navideña, con permiso de easy español, que é o sitio onde o vin.



Máis exemplos de caligramas aquí mesmo, nesta magnígica presentación da profesora Lourdes Domenech. Dámoslle as grazas por ter a xenerosidade de compartila con nós.


Nadal coa biblio

Pásame Eva esta presentación elaborada por unha compañeira vosa e membro do equipo da biblioteca. Trata do concurso que celebramos por estas datas na biblioteca e do que xa vos falei no post anterior. Só que esta rapaza cóntavos o mesmo que vos dicía eu pero dun xeito moito máis ameno, como veredes. Así que, quítome o sombreiro e felicito e agradezo a esta entusiasta colaboradora o seu traballo.

Que é para ti o Nadal

Tanto se sodes dos que adorades o Nadal como se vos poñedes dos nervios cada vez que se acercan estas datas, pouco traballo vos costará agarrar lápiz, bolígrafo ou teclado e argallar por escrito unha opinión en formato acróstico, collage, caligrama ou unha simple e humilde frase que recolla o voso estado de ánimo pre-navideño.
A continuación cópiovos o documento da convocatoria do concurso e noutro post, uns exemplos de cada un dos formatos que vos citei: caligrama, acrósticos e collage.


Co gallo da proximidade do Nadal, a BIBLIOMARIACASARES quere saber o que pensas sobre estas datas.
Contamos contigo para a realización de:

CARTEIS
FRASES CREATIVAS
PEQUENOS POEMAS
COLLAGES
CALIGRAMAS
ACRÓSTICOS
OU CALQUERA OUTRA IDEA INNOVADORA QUE TI QUERAS APORTAR...

Podes asinar o teu traballo co teu nome ou cun pseudónimo.

A CAMBIO DAS TÚAS APORTACIÓNS @S COLABORADORES DA BIBLIO TERÁN UN AGASALLO PARA TI

COMUNÍCATE CON ELES!

Entrégao co deseño definitivo @S COLABORADORES DA BIBLIO. Poderás atopal@s nos corredores, na biblioteca, no vestíbulo. Fíxate, algo terán entre mans...

Datas de entrega :

Venres 17 e luns 20 de decembro

14/12/10

Aló, Cornelia Funke



Cornelia Funke vai estar mañá mércores 15 de decembro en Madrid para presentar oficialmente a súa última obra, Reckless. Carne de pedra. Se sodes fans desta autora, pero non tendes lecer abondo como para desprazarvos a Madrid no medio da semana, podedes visitar a páxina da editorial Siruela en facebook e deixar alí as preguntas que queirades facerlle á escritora. A editorial comprométese a transmitirllas.

Déixovos o tráiler do libro, máis ben sosiño, hai que dicilo (o tráiler, non o libro).
E para ir facendo boca:
Primeiro capítulo do libro "Carne de Piedra" (en castelán)

12/12/10

De interese para quen teña 16 anos e 500 versos, polo menos

A Fundación Gloria Fuertes, de onde tomo a imaxe deste post, convoca o XII Premio "Gloria Fuertes" de Poesía Joven. Para participar tes que ter xuntado 16 anos de vida, como pouco, e 25 como máximo (iso é fácil, para algúns) e ter escrito 500 versos inéditos (iso xa é un pouco máis complicado, para calquera). Se gañas non che dan unha flor natural ou unha coroa de loureiro, como facían os antigos cando querían premiar a inspiración poética dos seus vates. Non, esta simpática xente da Fundación Gloria Fuertes teñen os pés na terra, poesía si, cada día, pero pasta tamén, que de algo teñen que vivir poetas e poetisas. En fin, que me desvío, quería dicir que se gañas, danche 1000 euros, que non olen tan ben como as flores ou o loureiro, pero teñen un valor simbólico amplamente recoñecido incluso entre os se dedican a unha actividade tan pouco produtiva, en términos económicos, coma a de compoñer versos. Consulta aquí as bases do concurso e lembra que tes ata o 31 deste mes de decembro para enviar os teus versos.

9/12/10

Nunca é demasiado pronto para empezar a ler un bo libro

Por que esperar ás vacacións do Nadal para poñerse a ler un libro de aventuras, ou de crimes, ou de fantasía desbordada? Veña, agarrade un libro que vos axude a levar mellor estas datas cheas de exames e outras obrigas académicas. No folleto que colocamos neste post tedes algunhas suxestións. Botádelle unha ollada, please, e, se ningún dos libros que suxerimos vos convence, lembrádevos de que temos outros, como diría Groucho Marx a propósito dos seus principios ("These are my principles. And if you don't like them, I have others.").

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...