30/11/10

No Nadal, lectura de calidade (no fondo e na forma)



Ofrézovos hoxe unha simpática reflexión de Mauro Entrialgo sobre hábitos de lectura que atopei no excelente blogue De libros y bitios. Vaime permitir lembrarvos, unha vez máis, que non precisades espremervos a vista lendo a letra diminuta e tortuosa das edicións cutres dos vosos títulos favoritos. Na biblioteca temos para vós pilas de libros cunha presentación excelente: tapas duras, ilustracións, letra amable ... Podedes levalos e lelos en calquera momento. E por 0 euros.

Vía: El blog de libros y bitios

A historia da escritura

Esta coidada presentación sobre a historia da escritura debémoslla a Nuria Vázquez Lestón, compañeira vosa e colaboradora do blogue Per Tritam Viam.

Sae á venda "Extraño", o novo traballo de Emma Ríos




Parece que a ilustradora Emma Ríos está en racha creadora. O portal culturagalega.org anunciaba hai pouco a publicación en castelán da novela gráfica "Extraño", unha recopilación de cinco entregas que Marvel sacou ao mercado en Estados Unidos, con guión de Mark Waid e ilustracións da artista galega. O crítico norteamericano Mel Odom cualificou o traballo de Emma Ríos en "Extraño"como "lambetada para os ollos" e encomiou a forza do seu debuxo, que, afirma, "transmite movemento, emoción e maxia". En canto ao argumento da novela, para a miña idea, adáptase divinamente á nova sensibilidade xuvenil modelada segundo os videoxogos de aventuras: un protagonista con súper poderes, Stepen Strange, ten que ir avanzando a través de sucesivos desafíos e contrariedades. Na súa loita contra o mal conta coa axuda de Casey Kinmont, unha rapaza descarada e botada para diante. Pero non quero adiantar demasiado. De momento, imos conformarnos co resumo que nos ofrece a editorial Panini:

Tras lo ocurrido en las páginas de Los Nuevos Vengadores, Stephen Extraño ha dejado de ser el Hechicero Supremo del Universo Marvel. Ahora debe descubrir un nuevo camino de iluminación y descubrimiento. Sin embargo, ese camino lleva hasta un terrible cónclave de amenazas mágicas. Para sobrevivir a la experiencia, tendrá que buscar la ayuda de una nueva estudiante. Mark Waid señala el nuevo amanecer del Doctor Extraño, en una alucinante aventura dibujada por la excepcional artista española Emma Ríos, y acompañada de un buen número de extras exclusivos.
"Extraño" ten 112 páxinas e costa 10'50€. Vou procurar que a poidades levar de balde da biblioteca.

26/11/10

Lembrando a Gonzalo Torrente Ballester



Este ano celébrase o aniversario do nacemento en Serantes (Ferrol) de Gonzalo Torrente Ballester (GTB). Os xornais non paran de falar do escritor ferrolán, por un motivo ou outro: entrega do premio de narrativa GTB, celebración do congreso GTB, reedición dun conto de GTB, exposición sobre a vida e obra de GTB... Pois ben, nós queremos unirnos á festa dedicándolle este post ao escritor ferrolán. Así, de paso, tendes a oportunidade de coñecer a esta figura destacadísima da literatura en lingua castelá e de achegarvos á súa obra.
Algúns xa coñecedes a GTB porque lestes "Crónica del rey pasmado" ou vistes a deliciosa adaptación cinematográfica desta novela que narra as frustración eróticas dun rei mozo e namorado que se empeña en ver á raíña núa. A "Crónica" é unha das novelas máis coñecidas de Torrente Ballester, pero a moita distancia doutro título seu, "Los gozos y las sombras", unha triloxía de novelas que narra a vida e os traballos dunha imaxinaria vila mariñeira galega. É máis, Darío Villanueva, que de novelas sabe algo, afirma que "Los gozos y las sombras" é "unha das obras máis lidas da novelística española contemporánea". Esta popularidade débese, en boa parte, a unha adaptación televisiva do mesmo nome que TVE emitiu no ano 1982 e que, segundo consta na páxina web desta cadea, tivo "cautivas" ás audiencias" durante semanas. Polo visto, a serie lanzou os tres libros nos que se baseaba, que se converteron niso que chaman un fenómeno editorial, é dicir, que se venderon a esgalla, o cal non era nin é frecuente tratándose de obras que levaban escritas polo menos vintecinco anos. Moitísima xente, que se enganchara á serie, a "audiencia cautivada" da que fala TVE, devorou logo os libros de GTB.

Pois ben, se agora vos apetece repetir ese recorrido, da serie ao libro, podedes facelo de xeito cómodo e gratuíto. Por unha parte, TVE ofrécevos os 13 capítulos dixitalizados (están no seu arquivo permanente por elección dos internautas que consideraron "Los gozos y las sombras" a serie "mítica" que preferían volver a ver e conservar). Así que non tendes máis que ir ao arquivo da televisión pública e alí atoparedes a serie a carón dos vídeos da inesquecible Bruxa Avería e Chicho Ibáñez Serrador. E para rematar e chegar a meta do recorrido "da serie ao libro de GTB", só vos queda pasar pola biblioteca e pillar "Los gozos y las sombras" na sección de literatura en lingua castelá. E a disfrutalo






A foto representa a GTB aos vinte anos e está sacada da páxina dedicada ao escritor en clubcultura.com
A obra de GTB en Punto de lectura

25/11/10

Ana María Matute, unha escritora feliz

Alineación al centro

Foto de flickr, autor: Pablo Álvarez
Ten levado uns cantos premios literarios ao longo da súa vida: o Café Gijón, o Planeta, o da Crítica, o Nacional de Literatura, etc, etc, etc. Pero a Ana María Matute (Barcelona, 1925) faltaballe o número un das letras en lingua castelá: o Cervantes, premio que en só dúas ocasións gañaran escritoras, a española María Zambrano (1988) e a cubana Dulce María Loynaz (1992). Tan sincera e simpática coma sempre, Ana María Matute recoñecía nunha entrevista recente publicada no xornal La Voz de Galicia que ela merecer merecía o premio, agora ben, non o esperaba. Enganouse. Onte mesmo a escritora recibía a noticia da concesión do Premio Cervantes e mostraba en público e sen ningún empacho a súa alegría e satisfacción.

Atrévome a dicir que ningún dos gañadores do Cervantes estivo tan cerca do mundo infantil e xuvenil como Ana María Matute. Lede o que escribía o periodista de La Voz de Galicia César Casal sobre a escritora:
Ella es la dama y yo soy el vagabundo que ha rastreado sus libros. Es un hada buena. Un trasgo travieso de los bosques. Su melena de nieve y su prosa de ensueño merecen todas las distinciones (...) La Matute se cayó de otra galaxia. Escribir para ella es atravesar el espejo y emboscarse en la fantasía.


Animádevos logo a iniciarvos na lectura dos libros de Ana María Matute, se é que non o tendes feito xa. Na biblioteca dispoñemos agora mesmo dos seguintes títulos:

El árbol de oro y otros relatos

El polizón del "Ulises"


Paraíso inhabitado


Lede o artículo completo de César Casal (moi recomendable): "La dama de las letras"

18/11/10

As letras galegas locen moito no iPad




Din os que saben algo disto que o 2011 vai ser o ano das tabletas dixitais, primas irmás todas elas da actual iPad de Apple. Algúns opinan que van varrer aos lectores electrónicos e case ninguén cre que eliminarán a corto ou a medio prazo aos libros de papel (así que Pérez Reverte ben escusaba pórse tanto dos nervios diante desta posibilidade).

A min tamén me gusta moito o papel, pero confeso que estou deixándome seducir por estes novos aparatiños. Presentan algunhas posibilidades moi interesantes e divertidas. Como exemplo, a proposta que acaba de presentar a editorial Galaxia. Trátase de catro contos infantís interactivos adaptados para o iPad, Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite), Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), Voces na lagoa do espantallo!, de Xan López Domínguez e Conto para non comer, de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide). Estarán á venda de aquí a uns días na tenda online de Apple a 2,99 euros cada conto.

Din os responsables da editorial: "O usuario vai acceder a unha experiencia interactiva que lle permitirá ler os contos, escoitar as locucións (feitas por profesionais do mundo da dobraxe galega) en tres linguas, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto. Deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións." Pois ben, visitei a web de Contoplanet desde o meu ordenador e quedei marabillada xa só pola beleza da demo do proxecto. Así que ler os contos dispoñendo de todas esas posibilidades interactivas que nos adianta Galaxia ten que se unha delicia tanto para os nenos pequenos como para os adultos. Esta iniciativa vai ter éxito, xa veredes.


Lede a noticia completa na páxina da editorial Galaxia.
Visitade a tenda de Contoplanet e comprobade in situ a beleza dos contos.
Vía: culturagalega.org

Antonio Altarriba e Kim gañan o Premio Nacional de Cómic



Leo na edición dixital de La Voz de Galicia :

O guionista Antonio Altarriba e o ilustrador Kim obtiveron hoxe o Premio Nacional de Cómic, dotado con 20.000 euros, pola súa obra «A arte de voar», unha historia que conta a vida do pai de Altarriba e que percorre as penurias da España do século pasado, a guerra civil e o exilio.


De aí vou a BDteca, o blogue do mesmo xornal que escribe Rubén Santamarta e alí atopo este impresionante vídeo promocional de "A arte de voar". Aínda non lin o cómic premiado pero, se está á altura deste pequeno adianto audiovisual, ten que ser excelente. Acerta Santamarta cando di que este vídeo é unha auténtica "xoia visual". Paga moito a pena velo, de verdade.

El Arte de Volar from polinomio on Vimeo.

Ficha de El Arte de Volar en Edicións de Ponent

Vía: La Voz de Galicia e BDteca

16/11/10

Dúas alumnas de ESO recomendan "El nombre del viento"



Cristina e Raquel, dúas alumnas de 2º de ESO, recoméndanvos un libro que está facendo furor entre os afeccionados á literatura fantástica. Trátase do primeiro volume dunha triloxía (non podía ser doutro xeito) que leva por título "El nombre del viento" ("The name of the wind", na versión orixinal inglesa) e que escribiu o norteamericano Patrick Rothfuss. Déixovos o tráiler do libro e a promesa de pedilo para a biblioteca se o entusiasmo arrecia.
A web promocional do libro
A web oficial de Patrick Rothfuss (en inglés)
Le un extracto de El nombre del viento.


Escribir e concursar



Acaba de chegar ao departamento de Lingua Castelá unha convocatoria que pode interesar a tod@s aquel@s afeccionad@s á escritura. Trátase dun concurso literario convocado pola asociación cultural "Ana María Aparicio Pardo" e varios institutos de Murcia. Podedes participar con relatos orixinais na modalidade que vos corresponda. Hai dúas, unha para menores de 17 anos e outra para mozos e mozas de idades comprendidas entre os 17 e os 21.
Déixovos algúns links que poden ser de interese:

Asociacion Cultural "Ana María Aparicio"
Bases do IX certamen literario "Ana María Aparicio Pardo"
Consellos de wikihow sobre cómo escribir contos, moi razonables todos eles.
Biblioteca Digital Ciudad Seva, uns 3700 contos de autores clásicos por se precisades inspiración.

15/11/10

Sae un novo número da revista "El Templo de las Mil Puertas"



Permitídeme que vos dea algunhas razóns polas que paga a pena visitar o decimoctavo número de El Templo de las Mil Puertas, a revista dixital de literatura infantil e xuvenil que máis nos gusta.
Primeira: a entrevista a Susan E. Hinton, autora de Rebeldes e La ley de la calle. Sabiades que a popular autora norteamericana escribiu a súa primeira obra cando só tiña 17 anos?
Segunda: a ampla reportaxe sobre a literatura xuvenil de temática social, aquela que presenta a mozos e mozas loitanto por saír adiante no medio dunhas situacións persoais e sociais dramáticas: guerras, aillamento, marxinación, acoso... Neste apartado atoparedes moitas suxerencias de lectura, tanto de obras clásicas como de títulos recentes e prometedores. Entre estes últimos, destaco un: Zara y el librero de Bagdag, de Fernando Marías, escritor que nos visitará próximamente.
Terceira. A sección "Autores de ayer" centrada esta vez nada máis e nada menos que en Jack London, o autor de "Colmillo branco", "A chamada da selva" e tantos outros libros de aventuras. Por certo, vaia vida a de Jack London, chea de riscos e lances moi semellantes aos dos seus relatos.
O anterior é só unha mostra dos contidos da revista. Hai moita máis información interesante para os e as amantes dos libros: sobre Terry Pratchett, por exemplo,(¿sabiades que lle diagnosticaron unha forma leve de Alzhéimer), ou Cornelia Funke, da que espero falarvos pronto (acaba de chegarnos á biblioteca unha obra súa que ten unha pinta boísima) e moitos máis. Pero agora tócavos a vós buscar, ler e comentar, se vos prace.

El Templo de las Mil Puertas nº 18

12/11/10

Que trata da letra antes chamada "i griega" e outras novidades ortográficas da lingua castelá



A RAE vai publicar de aquí a pouco unha nova ortografía do castelán que contén algunhas novidades importantes: a desaparición das letras ch e ll (que, polo tanto, pasan a ser exletras, así escrito todo xunto, tal como tamén mandan as novas normas), o cambio de nome da letra i griega que se chamará ye, a eliminación do til dalgunha palabras, etc. Os máis curiosos xa vos enteirariades de todo isto polos xornais, que levan un tempo dando información sobre esta posta a punto ortográfica da lingua castelá. A outros abondaravos, de momento, con este cartel que resume e ilustra as principais modificacións. Debémosllo ao blogue cinismo ilustrado e a Violeta, que nos informou da súa existencia.

9/11/10

Don Quijote cabalga de novo



A Biblioteca Nacional vén de estrear en Internet un Quijote "interactivo" con música de fondo e páxinas que triscan. E faino con garbo e aos catro ventos, tal como se esta versión da obra de Cervantes fose unha marabilla, talmente o que no meu pobo chamamos "un víndello ver". Agora ben, parece que os resultados non están á altura das expectativas. Según afirma José Antonio Millán no seu blogue De libros y bitios, o Quixote interactivo da BNE ten algúns tics cibermodernos (do tipo "compárteme en facebook", "mira a miña presentación en youtube" ou "teño unha galería de imaxes en flickr") e unhas cantas carencias de moito peso. Afirma Millán:
Interactividad no quiere decir que aparezcan músicas, ni que crujan las hojas cuando se pasan: la verdadera función de una obra digital es poderse buscar, copiar y reutilizar: que dé acceso no sólo a palabras, sino a escenas y personajes. Que permita el marcado y la anotación para el trabajo personal o de clase. Que presente diccionarios contextuales y aclaración de alusiones.

Polo visto, cabe que nos preguntemos á propósito deste Quijote pseudointeractivo o mesmo que se preguntaba hai pouco outro experto, Manuel Gago, director de culturagalega.org, no seu blogue Capítulo Cero:
¿Cando ficharan en Cultura a alguén cunha visión un pouco máis moderna do asunto dixital?

E xa que estamos na quenda de preguntas, eu teño outra (para vostedes):
Que tal se xulgades por vós mesm@s premendo no seguinte link?:





4/11/10

Libros con letra e música


Son libros que non leredes de cabo a rabo e dunha tacada como se le unha noveliña de Jordi Sierra i Fabra, sen ir máis lonxe. Pero os amantes da música disfrutaredes con eles tanto ou máis que cos relatos do celebrado novelista catalán. Porque estes libros, ademais de contarnos historias dos músicos e das cancións que máis nos emocionaron, son unha gozada: tapa dura, papel satinado, profusión de fotografías... Todos os títulos que vedes na imaxe e uns cantos máis están nos andeis da sección de música, esperando unha man amiga que queira levalos.

2/11/10

Un paseo con sorpresas polos cadros de Monet




Pásovos unha invitación a visitar o web da exposición Monet 2010 que atopei no Capítulo 0, blogue que, a diferencia doutros, nunca fala por falar. Por iso cédolle a palabra e insisto en que lle fagades caso porque paga moito a pena:

Estou marabillado co web desta exposición: Monet 2010. Desde finais de setembro e ata o 24 de xaneiro, as Galeries Nationales en París expoñen unha gran retrospectiva sobre o pintor. O web é unha auténtica pasada. Hai que estar tranquilos e na casa para mergullarse nesta deliciosa interpretación da arte de Monet que esixe de ti máis que a interacción do rato. Non vos perdades a Viaxe. Para min esta vai ser unha das webs do 2010 a nivel mundial.



A foto tamén procede de Capítulo 0
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...