30/9/10

Pasarela de outono

Imos converter este blogue nun desfile de libros. ¿Coñecedes eses sitios web onde algunhas “celebrities” nos mostran os modeliños de roupa que se van poñer tal ou cal día?. Se vos gustan a súas propostas, podedes enfundarvos algo semellante, unha versión barata do seu "atuendo" axustada ao presuposto de cada un, e se non, a outra cousa. Pois nós imos facer algo parecido cos libros: sacarémolos dos estantes e traerémolos a desfilar no noso blogue para que vos sirvan de inspiración lectora, para que vexades qué vos podedes poñer, claro está, a ler. Se vos pracen os libros suxeridos, na biblioteca estaremos gustos@s de deixárvolos. E se non vos gustan, dicímosvos o mesmo que Groucho Marx a propósito dos seu principios: "temos outros" .
Ademais, invitámosvos a que nos contedes as vosas experiencias como lector@s para que así o blogue se converta na pasarela literaria de tod@s. Algo así veñen facendo dende hai tempo no magnífico blogue da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos, sempre unha fonte de inspiración para nós.

Como mostra do que vos acabo de contar imos inaugurar a nosa pasarela outono- inverno cos libros “obrigatorios”, os básicos poderíamos dicir, aqueles que as vosas profesoras de lingua (profesor nalgúns casos, pero poucos) vos terán sinalado xa. Lembrade que a biblioteca ofrécevolos todos eles.


26/9/10

De volta

A xente que formamos o equipo da biblioteca queremos dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que vos acabades de incorporar ás clases, especialmente aos de primeiro de ESO que arribades este ano ao noso centro. Sede tod@s benvid@s.


Tomade nota de que a biblioteca está xa á vosa disposición durante todo o horario lectivo. As portas están abertas e os estantes cheíños de libros. Témolos para todos os gustos: de aventuras, amor, viaxes, intriga e o que se vos ocorra. Pasade, remexede e pedide, que nós estamos desexando prestar. Por certo, como en cursos anteriores, se non atopades o que queredes, decídenolo, que veremos de mercalo.


E para rematar, rogámosvos aos que levastes libros da biblioteca para ler no verán que os devolvades canto antes para que sigan rodando. Se vos quedou algún por rematar, pedide prórroga. En ningún caso permitades que os vosos libros, propios ou prestados, esmorezan esquecidos nun estante ou servíndolle de pata ao sofá estartelado, que non se convertan en disappointed como o do vídeo que vos deixo aquí e que vos invito a ver se tendes dous minutiños libres. Eu atopeino en Bibliorios, un blogue como a copa dun pino.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...