21/12/10

Por suxerir que non quede




As bibliotecas municipais de Oleiros publicaron onte no seu blogue a guía de lectura para este Nadal . Titúlase "Palabras para encher ilusións" e , según nos din os seus responsabeis, "trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir."

Para máis información visitade o blogue das bibliotecas, aínda que avísovos de que hai un problema co link que debería levarnos á guía de lectura. Eu non conseguín abrilo.

E por se isto non vos basta, a páxina das bibliotecas escolares de Galicia publica unha listaxe das guías que se veñen publicando estes días nas diferentes bibliotecas escolares de Galicia (onde se non?). Voici o link: Lecturas para o Nadal 2010


Que vostedes o lean ben.

16/12/10

Vai de caligramas

Di o dicionario da Real Academia Galega que un caligrama é un "verso ou composición poética en que as palabras forman un debuxo relacionado co contido do poema" O seu creador foi Apollinaire. A el pertence o seguinte caligrama, que pillo da páxina librosenlanube:















Este outro en forma de árbore do Nadal xa non é de Apollinaire, pero encántame, tan cheo de bos desexos e tan optimista. Vouno empregar como felicitación navideña, con permiso de easy español, que é o sitio onde o vin.



Máis exemplos de caligramas aquí mesmo, nesta magnígica presentación da profesora Lourdes Domenech. Dámoslle as grazas por ter a xenerosidade de compartila con nós.


Nadal coa biblio

Pásame Eva esta presentación elaborada por unha compañeira vosa e membro do equipo da biblioteca. Trata do concurso que celebramos por estas datas na biblioteca e do que xa vos falei no post anterior. Só que esta rapaza cóntavos o mesmo que vos dicía eu pero dun xeito moito máis ameno, como veredes. Así que, quítome o sombreiro e felicito e agradezo a esta entusiasta colaboradora o seu traballo.

Que é para ti o Nadal

Tanto se sodes dos que adorades o Nadal como se vos poñedes dos nervios cada vez que se acercan estas datas, pouco traballo vos costará agarrar lápiz, bolígrafo ou teclado e argallar por escrito unha opinión en formato acróstico, collage, caligrama ou unha simple e humilde frase que recolla o voso estado de ánimo pre-navideño.
A continuación cópiovos o documento da convocatoria do concurso e noutro post, uns exemplos de cada un dos formatos que vos citei: caligrama, acrósticos e collage.


Co gallo da proximidade do Nadal, a BIBLIOMARIACASARES quere saber o que pensas sobre estas datas.
Contamos contigo para a realización de:

CARTEIS
FRASES CREATIVAS
PEQUENOS POEMAS
COLLAGES
CALIGRAMAS
ACRÓSTICOS
OU CALQUERA OUTRA IDEA INNOVADORA QUE TI QUERAS APORTAR...

Podes asinar o teu traballo co teu nome ou cun pseudónimo.

A CAMBIO DAS TÚAS APORTACIÓNS @S COLABORADORES DA BIBLIO TERÁN UN AGASALLO PARA TI

COMUNÍCATE CON ELES!

Entrégao co deseño definitivo @S COLABORADORES DA BIBLIO. Poderás atopal@s nos corredores, na biblioteca, no vestíbulo. Fíxate, algo terán entre mans...

Datas de entrega :

Venres 17 e luns 20 de decembro

14/12/10

Aló, Cornelia Funke



Cornelia Funke vai estar mañá mércores 15 de decembro en Madrid para presentar oficialmente a súa última obra, Reckless. Carne de pedra. Se sodes fans desta autora, pero non tendes lecer abondo como para desprazarvos a Madrid no medio da semana, podedes visitar a páxina da editorial Siruela en facebook e deixar alí as preguntas que queirades facerlle á escritora. A editorial comprométese a transmitirllas.

Déixovos o tráiler do libro, máis ben sosiño, hai que dicilo (o tráiler, non o libro).
E para ir facendo boca:
Primeiro capítulo do libro "Carne de Piedra" (en castelán)

12/12/10

De interese para quen teña 16 anos e 500 versos, polo menos

A Fundación Gloria Fuertes, de onde tomo a imaxe deste post, convoca o XII Premio "Gloria Fuertes" de Poesía Joven. Para participar tes que ter xuntado 16 anos de vida, como pouco, e 25 como máximo (iso é fácil, para algúns) e ter escrito 500 versos inéditos (iso xa é un pouco máis complicado, para calquera). Se gañas non che dan unha flor natural ou unha coroa de loureiro, como facían os antigos cando querían premiar a inspiración poética dos seus vates. Non, esta simpática xente da Fundación Gloria Fuertes teñen os pés na terra, poesía si, cada día, pero pasta tamén, que de algo teñen que vivir poetas e poetisas. En fin, que me desvío, quería dicir que se gañas, danche 1000 euros, que non olen tan ben como as flores ou o loureiro, pero teñen un valor simbólico amplamente recoñecido incluso entre os se dedican a unha actividade tan pouco produtiva, en términos económicos, coma a de compoñer versos. Consulta aquí as bases do concurso e lembra que tes ata o 31 deste mes de decembro para enviar os teus versos.

9/12/10

Nunca é demasiado pronto para empezar a ler un bo libro

Por que esperar ás vacacións do Nadal para poñerse a ler un libro de aventuras, ou de crimes, ou de fantasía desbordada? Veña, agarrade un libro que vos axude a levar mellor estas datas cheas de exames e outras obrigas académicas. No folleto que colocamos neste post tedes algunhas suxestións. Botádelle unha ollada, please, e, se ningún dos libros que suxerimos vos convence, lembrádevos de que temos outros, como diría Groucho Marx a propósito dos seus principios ("These are my principles. And if you don't like them, I have others.").

30/11/10

No Nadal, lectura de calidade (no fondo e na forma)



Ofrézovos hoxe unha simpática reflexión de Mauro Entrialgo sobre hábitos de lectura que atopei no excelente blogue De libros y bitios. Vaime permitir lembrarvos, unha vez máis, que non precisades espremervos a vista lendo a letra diminuta e tortuosa das edicións cutres dos vosos títulos favoritos. Na biblioteca temos para vós pilas de libros cunha presentación excelente: tapas duras, ilustracións, letra amable ... Podedes levalos e lelos en calquera momento. E por 0 euros.

Vía: El blog de libros y bitios

A historia da escritura

Esta coidada presentación sobre a historia da escritura debémoslla a Nuria Vázquez Lestón, compañeira vosa e colaboradora do blogue Per Tritam Viam.

Sae á venda "Extraño", o novo traballo de Emma Ríos




Parece que a ilustradora Emma Ríos está en racha creadora. O portal culturagalega.org anunciaba hai pouco a publicación en castelán da novela gráfica "Extraño", unha recopilación de cinco entregas que Marvel sacou ao mercado en Estados Unidos, con guión de Mark Waid e ilustracións da artista galega. O crítico norteamericano Mel Odom cualificou o traballo de Emma Ríos en "Extraño"como "lambetada para os ollos" e encomiou a forza do seu debuxo, que, afirma, "transmite movemento, emoción e maxia". En canto ao argumento da novela, para a miña idea, adáptase divinamente á nova sensibilidade xuvenil modelada segundo os videoxogos de aventuras: un protagonista con súper poderes, Stepen Strange, ten que ir avanzando a través de sucesivos desafíos e contrariedades. Na súa loita contra o mal conta coa axuda de Casey Kinmont, unha rapaza descarada e botada para diante. Pero non quero adiantar demasiado. De momento, imos conformarnos co resumo que nos ofrece a editorial Panini:

Tras lo ocurrido en las páginas de Los Nuevos Vengadores, Stephen Extraño ha dejado de ser el Hechicero Supremo del Universo Marvel. Ahora debe descubrir un nuevo camino de iluminación y descubrimiento. Sin embargo, ese camino lleva hasta un terrible cónclave de amenazas mágicas. Para sobrevivir a la experiencia, tendrá que buscar la ayuda de una nueva estudiante. Mark Waid señala el nuevo amanecer del Doctor Extraño, en una alucinante aventura dibujada por la excepcional artista española Emma Ríos, y acompañada de un buen número de extras exclusivos.
"Extraño" ten 112 páxinas e costa 10'50€. Vou procurar que a poidades levar de balde da biblioteca.

26/11/10

Lembrando a Gonzalo Torrente Ballester



Este ano celébrase o aniversario do nacemento en Serantes (Ferrol) de Gonzalo Torrente Ballester (GTB). Os xornais non paran de falar do escritor ferrolán, por un motivo ou outro: entrega do premio de narrativa GTB, celebración do congreso GTB, reedición dun conto de GTB, exposición sobre a vida e obra de GTB... Pois ben, nós queremos unirnos á festa dedicándolle este post ao escritor ferrolán. Así, de paso, tendes a oportunidade de coñecer a esta figura destacadísima da literatura en lingua castelá e de achegarvos á súa obra.
Algúns xa coñecedes a GTB porque lestes "Crónica del rey pasmado" ou vistes a deliciosa adaptación cinematográfica desta novela que narra as frustración eróticas dun rei mozo e namorado que se empeña en ver á raíña núa. A "Crónica" é unha das novelas máis coñecidas de Torrente Ballester, pero a moita distancia doutro título seu, "Los gozos y las sombras", unha triloxía de novelas que narra a vida e os traballos dunha imaxinaria vila mariñeira galega. É máis, Darío Villanueva, que de novelas sabe algo, afirma que "Los gozos y las sombras" é "unha das obras máis lidas da novelística española contemporánea". Esta popularidade débese, en boa parte, a unha adaptación televisiva do mesmo nome que TVE emitiu no ano 1982 e que, segundo consta na páxina web desta cadea, tivo "cautivas" ás audiencias" durante semanas. Polo visto, a serie lanzou os tres libros nos que se baseaba, que se converteron niso que chaman un fenómeno editorial, é dicir, que se venderon a esgalla, o cal non era nin é frecuente tratándose de obras que levaban escritas polo menos vintecinco anos. Moitísima xente, que se enganchara á serie, a "audiencia cautivada" da que fala TVE, devorou logo os libros de GTB.

Pois ben, se agora vos apetece repetir ese recorrido, da serie ao libro, podedes facelo de xeito cómodo e gratuíto. Por unha parte, TVE ofrécevos os 13 capítulos dixitalizados (están no seu arquivo permanente por elección dos internautas que consideraron "Los gozos y las sombras" a serie "mítica" que preferían volver a ver e conservar). Así que non tendes máis que ir ao arquivo da televisión pública e alí atoparedes a serie a carón dos vídeos da inesquecible Bruxa Avería e Chicho Ibáñez Serrador. E para rematar e chegar a meta do recorrido "da serie ao libro de GTB", só vos queda pasar pola biblioteca e pillar "Los gozos y las sombras" na sección de literatura en lingua castelá. E a disfrutalo






A foto representa a GTB aos vinte anos e está sacada da páxina dedicada ao escritor en clubcultura.com
A obra de GTB en Punto de lectura

25/11/10

Ana María Matute, unha escritora feliz

Alineación al centro

Foto de flickr, autor: Pablo Álvarez
Ten levado uns cantos premios literarios ao longo da súa vida: o Café Gijón, o Planeta, o da Crítica, o Nacional de Literatura, etc, etc, etc. Pero a Ana María Matute (Barcelona, 1925) faltaballe o número un das letras en lingua castelá: o Cervantes, premio que en só dúas ocasións gañaran escritoras, a española María Zambrano (1988) e a cubana Dulce María Loynaz (1992). Tan sincera e simpática coma sempre, Ana María Matute recoñecía nunha entrevista recente publicada no xornal La Voz de Galicia que ela merecer merecía o premio, agora ben, non o esperaba. Enganouse. Onte mesmo a escritora recibía a noticia da concesión do Premio Cervantes e mostraba en público e sen ningún empacho a súa alegría e satisfacción.

Atrévome a dicir que ningún dos gañadores do Cervantes estivo tan cerca do mundo infantil e xuvenil como Ana María Matute. Lede o que escribía o periodista de La Voz de Galicia César Casal sobre a escritora:
Ella es la dama y yo soy el vagabundo que ha rastreado sus libros. Es un hada buena. Un trasgo travieso de los bosques. Su melena de nieve y su prosa de ensueño merecen todas las distinciones (...) La Matute se cayó de otra galaxia. Escribir para ella es atravesar el espejo y emboscarse en la fantasía.


Animádevos logo a iniciarvos na lectura dos libros de Ana María Matute, se é que non o tendes feito xa. Na biblioteca dispoñemos agora mesmo dos seguintes títulos:

El árbol de oro y otros relatos

El polizón del "Ulises"


Paraíso inhabitado


Lede o artículo completo de César Casal (moi recomendable): "La dama de las letras"

18/11/10

As letras galegas locen moito no iPad




Din os que saben algo disto que o 2011 vai ser o ano das tabletas dixitais, primas irmás todas elas da actual iPad de Apple. Algúns opinan que van varrer aos lectores electrónicos e case ninguén cre que eliminarán a corto ou a medio prazo aos libros de papel (así que Pérez Reverte ben escusaba pórse tanto dos nervios diante desta posibilidade).

A min tamén me gusta moito o papel, pero confeso que estou deixándome seducir por estes novos aparatiños. Presentan algunhas posibilidades moi interesantes e divertidas. Como exemplo, a proposta que acaba de presentar a editorial Galaxia. Trátase de catro contos infantís interactivos adaptados para o iPad, Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite), Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), Voces na lagoa do espantallo!, de Xan López Domínguez e Conto para non comer, de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide). Estarán á venda de aquí a uns días na tenda online de Apple a 2,99 euros cada conto.

Din os responsables da editorial: "O usuario vai acceder a unha experiencia interactiva que lle permitirá ler os contos, escoitar as locucións (feitas por profesionais do mundo da dobraxe galega) en tres linguas, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto. Deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións." Pois ben, visitei a web de Contoplanet desde o meu ordenador e quedei marabillada xa só pola beleza da demo do proxecto. Así que ler os contos dispoñendo de todas esas posibilidades interactivas que nos adianta Galaxia ten que se unha delicia tanto para os nenos pequenos como para os adultos. Esta iniciativa vai ter éxito, xa veredes.


Lede a noticia completa na páxina da editorial Galaxia.
Visitade a tenda de Contoplanet e comprobade in situ a beleza dos contos.
Vía: culturagalega.org

Antonio Altarriba e Kim gañan o Premio Nacional de Cómic



Leo na edición dixital de La Voz de Galicia :

O guionista Antonio Altarriba e o ilustrador Kim obtiveron hoxe o Premio Nacional de Cómic, dotado con 20.000 euros, pola súa obra «A arte de voar», unha historia que conta a vida do pai de Altarriba e que percorre as penurias da España do século pasado, a guerra civil e o exilio.


De aí vou a BDteca, o blogue do mesmo xornal que escribe Rubén Santamarta e alí atopo este impresionante vídeo promocional de "A arte de voar". Aínda non lin o cómic premiado pero, se está á altura deste pequeno adianto audiovisual, ten que ser excelente. Acerta Santamarta cando di que este vídeo é unha auténtica "xoia visual". Paga moito a pena velo, de verdade.

El Arte de Volar from polinomio on Vimeo.

Ficha de El Arte de Volar en Edicións de Ponent

Vía: La Voz de Galicia e BDteca

16/11/10

Dúas alumnas de ESO recomendan "El nombre del viento"



Cristina e Raquel, dúas alumnas de 2º de ESO, recoméndanvos un libro que está facendo furor entre os afeccionados á literatura fantástica. Trátase do primeiro volume dunha triloxía (non podía ser doutro xeito) que leva por título "El nombre del viento" ("The name of the wind", na versión orixinal inglesa) e que escribiu o norteamericano Patrick Rothfuss. Déixovos o tráiler do libro e a promesa de pedilo para a biblioteca se o entusiasmo arrecia.
A web promocional do libro
A web oficial de Patrick Rothfuss (en inglés)
Le un extracto de El nombre del viento.


Escribir e concursar



Acaba de chegar ao departamento de Lingua Castelá unha convocatoria que pode interesar a tod@s aquel@s afeccionad@s á escritura. Trátase dun concurso literario convocado pola asociación cultural "Ana María Aparicio Pardo" e varios institutos de Murcia. Podedes participar con relatos orixinais na modalidade que vos corresponda. Hai dúas, unha para menores de 17 anos e outra para mozos e mozas de idades comprendidas entre os 17 e os 21.
Déixovos algúns links que poden ser de interese:

Asociacion Cultural "Ana María Aparicio"
Bases do IX certamen literario "Ana María Aparicio Pardo"
Consellos de wikihow sobre cómo escribir contos, moi razonables todos eles.
Biblioteca Digital Ciudad Seva, uns 3700 contos de autores clásicos por se precisades inspiración.

15/11/10

Sae un novo número da revista "El Templo de las Mil Puertas"



Permitídeme que vos dea algunhas razóns polas que paga a pena visitar o decimoctavo número de El Templo de las Mil Puertas, a revista dixital de literatura infantil e xuvenil que máis nos gusta.
Primeira: a entrevista a Susan E. Hinton, autora de Rebeldes e La ley de la calle. Sabiades que a popular autora norteamericana escribiu a súa primeira obra cando só tiña 17 anos?
Segunda: a ampla reportaxe sobre a literatura xuvenil de temática social, aquela que presenta a mozos e mozas loitanto por saír adiante no medio dunhas situacións persoais e sociais dramáticas: guerras, aillamento, marxinación, acoso... Neste apartado atoparedes moitas suxerencias de lectura, tanto de obras clásicas como de títulos recentes e prometedores. Entre estes últimos, destaco un: Zara y el librero de Bagdag, de Fernando Marías, escritor que nos visitará próximamente.
Terceira. A sección "Autores de ayer" centrada esta vez nada máis e nada menos que en Jack London, o autor de "Colmillo branco", "A chamada da selva" e tantos outros libros de aventuras. Por certo, vaia vida a de Jack London, chea de riscos e lances moi semellantes aos dos seus relatos.
O anterior é só unha mostra dos contidos da revista. Hai moita máis información interesante para os e as amantes dos libros: sobre Terry Pratchett, por exemplo,(¿sabiades que lle diagnosticaron unha forma leve de Alzhéimer), ou Cornelia Funke, da que espero falarvos pronto (acaba de chegarnos á biblioteca unha obra súa que ten unha pinta boísima) e moitos máis. Pero agora tócavos a vós buscar, ler e comentar, se vos prace.

El Templo de las Mil Puertas nº 18

12/11/10

Que trata da letra antes chamada "i griega" e outras novidades ortográficas da lingua castelá



A RAE vai publicar de aquí a pouco unha nova ortografía do castelán que contén algunhas novidades importantes: a desaparición das letras ch e ll (que, polo tanto, pasan a ser exletras, así escrito todo xunto, tal como tamén mandan as novas normas), o cambio de nome da letra i griega que se chamará ye, a eliminación do til dalgunha palabras, etc. Os máis curiosos xa vos enteirariades de todo isto polos xornais, que levan un tempo dando información sobre esta posta a punto ortográfica da lingua castelá. A outros abondaravos, de momento, con este cartel que resume e ilustra as principais modificacións. Debémosllo ao blogue cinismo ilustrado e a Violeta, que nos informou da súa existencia.

9/11/10

Don Quijote cabalga de novo



A Biblioteca Nacional vén de estrear en Internet un Quijote "interactivo" con música de fondo e páxinas que triscan. E faino con garbo e aos catro ventos, tal como se esta versión da obra de Cervantes fose unha marabilla, talmente o que no meu pobo chamamos "un víndello ver". Agora ben, parece que os resultados non están á altura das expectativas. Según afirma José Antonio Millán no seu blogue De libros y bitios, o Quixote interactivo da BNE ten algúns tics cibermodernos (do tipo "compárteme en facebook", "mira a miña presentación en youtube" ou "teño unha galería de imaxes en flickr") e unhas cantas carencias de moito peso. Afirma Millán:
Interactividad no quiere decir que aparezcan músicas, ni que crujan las hojas cuando se pasan: la verdadera función de una obra digital es poderse buscar, copiar y reutilizar: que dé acceso no sólo a palabras, sino a escenas y personajes. Que permita el marcado y la anotación para el trabajo personal o de clase. Que presente diccionarios contextuales y aclaración de alusiones.

Polo visto, cabe que nos preguntemos á propósito deste Quijote pseudointeractivo o mesmo que se preguntaba hai pouco outro experto, Manuel Gago, director de culturagalega.org, no seu blogue Capítulo Cero:
¿Cando ficharan en Cultura a alguén cunha visión un pouco máis moderna do asunto dixital?

E xa que estamos na quenda de preguntas, eu teño outra (para vostedes):
Que tal se xulgades por vós mesm@s premendo no seguinte link?:





4/11/10

Libros con letra e música


Son libros que non leredes de cabo a rabo e dunha tacada como se le unha noveliña de Jordi Sierra i Fabra, sen ir máis lonxe. Pero os amantes da música disfrutaredes con eles tanto ou máis que cos relatos do celebrado novelista catalán. Porque estes libros, ademais de contarnos historias dos músicos e das cancións que máis nos emocionaron, son unha gozada: tapa dura, papel satinado, profusión de fotografías... Todos os títulos que vedes na imaxe e uns cantos máis están nos andeis da sección de música, esperando unha man amiga que queira levalos.

2/11/10

Un paseo con sorpresas polos cadros de Monet




Pásovos unha invitación a visitar o web da exposición Monet 2010 que atopei no Capítulo 0, blogue que, a diferencia doutros, nunca fala por falar. Por iso cédolle a palabra e insisto en que lle fagades caso porque paga moito a pena:

Estou marabillado co web desta exposición: Monet 2010. Desde finais de setembro e ata o 24 de xaneiro, as Galeries Nationales en París expoñen unha gran retrospectiva sobre o pintor. O web é unha auténtica pasada. Hai que estar tranquilos e na casa para mergullarse nesta deliciosa interpretación da arte de Monet que esixe de ti máis que a interacción do rato. Non vos perdades a Viaxe. Para min esta vai ser unha das webs do 2010 a nivel mundial.



A foto tamén procede de Capítulo 0

28/10/10

Libros de medo para pasalo de marabilla

Teño as cibermeigas en contra. Sospeito que por algunha razón este post non lles gustaba e fixeron todo o que puideron e máis para darme a lata: ralentizáronme o navegador, fixeron desaparecer as imaxes que tiña escollidas e listas para pegar nos aneis de anobii e logo bloqueáronme o ordenador e mandáronme a paseo todo o traballo. Total, que argallar este moi humilde post levoume unha pila de tempo. Así e todo, mal que ben remateino, fun a Picture Trail, que é un sitio "meigas free", e encargueille a presentación que tendes a continuación. Non quería que marcharades de fin de semana longo sen ensinarvos unha mostra dalgúns dos libros de medo que temos na biblioteca. Insisto en que son só unha mostra. Para máis títulos consultade o noso catálogo desde este mesmo blogue.




25/10/10

Déixaos entrar

Pasa pola biblioteca, selecciona un bo libro de terror e misterio e deixa que vampiros, zombies, homes lobos, pantasmas e demais fauna amena e terrofíca se colen na túa casa aproveitando que chega a celebración que noutras latitudes chaman o Halloween, e que por aquí andamos recuperando a trancas e barrancas baixo o nome do Samaín. En 1º D non quixemos perder o tempo (somos xente laboriosa e cando toca ler gústanos empezar canto antes) e seleccionamos este libro do escritor Neil Gaiman, autor de Coraline. Lemos en Internet boa parte do capítulo I e encantounos. Cópiovos a continuación a ficha do libro que aparece na páxina da editorial Roca ( logo de pasala polos inestimables servicios de opentrad) para que vos fagades unha idea do seu argumento. Observade que tamén vos deixo ao final do post un link ao primeiro capítulo. Por certo, "El Libro del cementerio" está en camiño da nosa biblioteca, pero de momento non chegou.


Escoitade esta tráxica historia: unha familia que dorme, un asasino sen compaixón e unha criatura aventureira, un orfo que escapa da morte. Ou non?
O pequeno escapa do perigo e consegue gatear até o máis alto do outeiro. Detrás do valo que se atopa, existe un lugar escuro e tranquilo, un cemiterio cheo dunha vida especial.
O neno é recibido alí onde os mortos non dormen e todos os que alí habitan deciden brindarlle a súa protección, porque fóra, tras o valo que separa á cidade das súas pantasmas, o asasino vil espera pacientemente.
O neno sen pais, sen lugar no mundo, sen nome, será acollido polos espíritos amables, que fan un pacto para protexelo. Chamarano Ninguén, porque non se parece a ninguén máis que a si mesmo. Será Nad para os seus ?pais?, Nad para os seus compañeiros de xogos, nenos que nunca máis crecerán, Nad para o seu mentor. E Ninguén para o home que o busca para matalo.



Primeiro capítulo de "El libro del cementerio"
Tráiler do libro

A foto collina da páxina da editorial Roca

21/10/10

Premios Nobel en español

En bibliocabe, blogue de recoñecido prestixio na esfera dos biblioblogues, elaboraron este póster dixital, tamén chamado glosgter, coas imaxes e nomes de todos os escritores e escritoras que empregaron o español nas súas obras e tiveron a sorte de gañar o Premio Nobel de Literatura. Podemos aplicar á nómina dos premiados o dito aquel que reza "non son (indiscutiblemente bos) todos os que están nin están todos os que son". O paso do tempo arrumbou a algúns dos que aquí aparecen a un merecido olvido. Outros, en cambio, seguen tan frescos e válidos como o primeiro día.

Un libro para disfrutar da poesía de Miguel Hernández

Incorpórase ao noso catálogo este precioso libriño de poemas escritos por Miguel Hernández. Como podedes comprobar pola imaxe que inclúo neste post, o libro ten forma de carta, con selo e mata selos incluídos e vén ilustrado con mimo por Miguel Tanco. No blogue pizca de papel podedes ver algúns dos debuxos que acompañan aos poemas e unha reseña máis completa desta obriña que vos recomendo de todo corazón.

14/10/10

"Matar un ruiseñor" cumpre cincuenta anos


Agora que temos o patio alfombrado de follas é un bo momento para seleccionar unhas cantas lecturas que nos axuden a transitar polo que queda de outono. Na biblioteca temos feixes e feixes de libros deste tipo: reconstituíntes, estimulantes, libros que nos veñen que nin pintados para estas datas, libros que sentan tan ben como un caldiño quente nun día de frío. Pero mirade vós por onde, o que quero recomendarvos hoxe non está nos nosos estantes (si, en cambio, nos da biblioteca municipal Rialeda). Trátase da novela titulada "Matar un ruiseñor" , escrita pola norteamericana Harper Lee e publicada no que para vós será algo así como o ano da pera, alá polo 1960. Por certo que a xente maior como min lembrarase dunha conmovedora película do mesmo título que se estreou dous anos despois e na que o mítico Gregory Peck representaba o papel do avogado Atticus Finch, pai da intrépida Scout, e personaxe do que podemos dicir que o ten todo: é guapo, honrado, valente e, por se isto fóra pouco, o mellor pai que vos poidades imaxinar. Para máis detalles do argumento desta historia que combina a intriga coa defensa da tolerancia e a xusticia, cédolle a palabra a El Templo de las Mil Puertas :

Matar un ruiseñor nos presenta una protagonista muy joven pero inteligente, Scout Finch, que vive en un pueblo imaginario del Alabama de la Gran Depresión. Es un momento histórico en el que los negros empiezan a alzar la voz, mientras que los blancos, aterrorizados por la posibilidad de revancha, estrechan más el cerco del racismo. La pólvora está echada y sólo falta encender la chispa. Scout no vive ajena a estos acontecimientos, pero tiene problemas mucho más serios que atender: con su hermano Jem y su nuevo amigo Drill, se propone averiguar qué sucede en la siniestra casa de “Boo” Radley, toda una aventura para el hastío del verano. El hecho de que los adultos se nieguen a hablar de él sólo aumenta la curiosidad de los tres niños, que se las ingenian para conseguir que el solitario vecino salga de su casa para poder verle. Para colmo, el misterioso “Boo” les deja regalos en el hueco de un árbol del jardín. ¿Quién es él exactamente, y por qué sólo sale por las noches?
E para rematar, unhas declaracións de Charles J. Shields, o biográfo de Harper Lee aparecidas hai pouco en Babelia a propósito das razóns do prolongado éxito de "Matar a un ruiseñor" (ten vendido máis de trinta millóns de exemplares):
"Creo que hay tres razones por las que la gente vuelve una y otra vez a Matar un ruiseñor" . "Primero, porque es una buena historia y siempre habrá sitio en nuestras estanterías para las buenas historias. Segundo, porque el libro trata un tema esencial en todas partes: el desafío de vivir en paz con gente que es diferente. Y tercero, porque esta novela comparte algo con muchas otras grandes creaciones literarias: te pregunta. ¿Qué harías? ¿Defenderías lo que crees justo como Atticus aunque te enfrentes a las críticas e incluso al odio?"

Buenafuente recomenda "Sin noticias de Gurb". Eu tamén


Lin este libro por primeira vez hai xa moitos, moitos anos e, que eu recorde, só me rin tanto vendo "La vida de Brian" dos Monty Python, ou os sketches de Mofa e Befa. Polo que se ve, a Buenafuente, autoridade indiscutible no campo do humor, pasoulle algo parecido. Leamos o que dicía recentemente en Babelia este xenial humorista:


el libro que puedo leer veinte veces seguidas y continuar riendo es Sin Noticias de Gurb, de Eduardo Mendoza. Redondísimo. No sé cuántos habré regalado.
O protagonista deste libro é un extraterrestre incorpóreo, simpático e burlón que recorre Barcelona na busca do seu compañeiro Gurb. Prestade atención a cómo se presenta a si mesmo nunca carta que escrebe a unha veciña da que está namorado:


19.45 “Mi adorable vecina: Soy joven y de aspecto agraciado; romántico y cariñoso. Tengo una buena posición económica y soy muy serio para las cosas serias (pero me gusta divertirme). Me encanta (además de los churros) viajar en metro, lustrarme los zapatos, mirar escaparates, escupir lejos y las chicas. Aborrezco la verdura en todas sus manifestaciones, lavarme los dientes, escribir postales y oír la radio. Creo que podría ser un buen marido (llegado el caso) y un buen padre (tengo mucha paciencia con los niños). ¿Te gustaría conocerme mejor? Te espero a las 9.30. Habrá comida (gratuita) y bebidas. Hablaremos de lo que te he dicho y de otros asuntillos, ji ji. R.S.V.P. Estoy por tus huesos.” 19.55 Releo lo escrito. Rompo la carta.

A imaxe é da súper librería amazon.com

12/10/10

Pregúntalle á biblioteca

Hónranos presentar neste blogue un vídeo escrito, producido e dirixido por Rachel Harrington, que mostra a biblioteca como un refuxio, un espacio ao que acoden aquelas persoas co corazón roto, ou polo menos magullado. Gañou unha mención de honor no concurso Library Advocacy Day que convoca a Asociación Americana de Bibliotecas. Teño que dicir que os dous vídeos que quedaron no primeiro e segundo lugar non son nin de lonxe tan conmovedores e tenros como este. Podedes xulgar pos vós mesm@s premendo no primeiro link deste parágrafo.

Contemplando este vídeo lembreime dunha cita do escritor Arturo Pérez Reverte aparecida xa hai moitos anos na revista Leer a propósito do carácter case terapéutico da lectura e, como penso que vén que nin pintada para este vídeo, aquí vola deixo :

Creo que fue Stendhal quien afirmó: “no hay desgracia en el mundo, por grande que sea, que un libro no ayude a soportar”. Y es cierto. En los peores momentos de mi vida, cuando afuera rugía la tempestad y era tan brutal la realidad que evadirse resultaba imprescindible para sobrevivir, recogerme media hora en un rincón a la luz de una vela para pasar las páginas de un libro fue, siempre, una puerta abierta a los grandes cazaderos, a las praderas tranquilas y mansas del reposo y del olvido


O blogue das bibliotecas municipais de Oleiros












Xa o dicía o insigne Julio Camba: "hai anos en que non está un para nada". E algo así me debeu de pasar a min nos últimos doce meses. Resulta que as bibliotecas municipais de Oleiros inauguraron un blogue por todo o alto no mes de abril do ano pasado e eu, que surfeo por Intenet día si día non buscando novidades que sigan alimentado o noso amor polos libros, non me entero ata hai dous días. Chámase bibloleiros e ten un interese inmediato para todos nós, tanto é así que vou poñer un link permanente neste noso humilde blogue nada máis remate de redactar este post. Desde bibloleiros podedes descargar os impresos para solicitar o carné de usuario, participar en divertidas enquisas e estar ao día en canto as actividades (abundantes, por certo) que se celebran nas distintas bibliotecas municipais. Que foi o que máis me gustou a min? Sen ningunha dúbida, o conto "A lúa e a fraga", elaborado polos nenos e nenas da galescola "As Galeras".

8/10/10

Cidadanía europea paso a paso


No momento de redactar este post un grupo de profesoras e alumnas do noso instituto estará aterrando en Giresun, alá na lonxana Turquía. Viaxan para pagarlles unha visita aos compañeiros turcos que participan con elas nun proxecto Comenius titulado "Cidadanía europea paso a paso". Andan tamén implicados nese mesmo proxecto outros dos centros, un en Toulon (Francia) e outro en Nápoles (Italia). Desexámoslle a todas elas unha feliz estancia en terras turcas. E como mostra do seu traballo quédavos aquí o link ao blog 4comenius que manteñen os catro centros e un precioso cómic elaborado por Sara Vázquez.


7/10/10

Mario Vargas Llosa, premio Nobel de Literatura 2010


Acaba de saír a noticia: o escritor peruano Mario Vargas Llosa é o gañador do Premio Nobel de Literatura do ano 2010. Consulta o noso catálogo: temos unha morea de libros deste escritor. Unha recomendación se te consideras un lector ou lectora esixente: La fiesta del chivo, quizá a súa mellor obra. Máis nun próximo post.


A noticia no xornal El País.

5/10/10









Entérome por un dos meus blogues de cabeceira, Lecturalia, de que a Fundación Germán Sánchez Ruipérez acaba de estrear un novo proxecto para o fomento da lectura. Chámase Lectura Lab e ten como protagonistas a literatura infantil e xuvenil e as novas tecnoloxías. Dou unha volta polo sitio e enrédome máis do que tiña pensado porque a páxina é completísima: noticias, consellos, recursos dixitais, publicacións... Destaco un "tip" da sección "Consejos", o titulado "Para conseguir que los niños odien la lectura". Botádelle unha ollada e se cadra atopades algún reproche que facernos a pais, nais ou profesor@s. Xa nos diredes.

A imaxe está sacada de Lecturalia.

Ler (en voz alta) e gañar


A Consellería de Educación convoca un concurso de lectura en voz alta que titula "Ler e escoitar". Nel poderán participar os alumnos e alumnas do terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo de ensino secundario. Así que á xente de 1º e 2º de ESO do María Casares con todo o meu respecto lle digo que vaia "facendo gárgaras" (as de mel con limón disque son moi boas para aclarar a voz) e ensaiando cara ao espello porque imos concursar, claro que si. E como me parece que é ben empezar sabendo cales son os criterios que vai ter en conta o xurado para outorgar os premios, permítome copialos a continuación para todos vós. Aquí os tendes:

articulación, fluidez, ritmo, expresividade, volume, dominio da linguaxe verbal, e tamén da linguaxe corporal á hora de ler os textos

Para máis detalle, lede, se vos prace, o texto completo da convocatoria.
A imaxe do cartel procede da páxina das Bibliotecas escolares de Galicia

30/9/10

Pasarela de outono

Imos converter este blogue nun desfile de libros. ¿Coñecedes eses sitios web onde algunhas “celebrities” nos mostran os modeliños de roupa que se van poñer tal ou cal día?. Se vos gustan a súas propostas, podedes enfundarvos algo semellante, unha versión barata do seu "atuendo" axustada ao presuposto de cada un, e se non, a outra cousa. Pois nós imos facer algo parecido cos libros: sacarémolos dos estantes e traerémolos a desfilar no noso blogue para que vos sirvan de inspiración lectora, para que vexades qué vos podedes poñer, claro está, a ler. Se vos pracen os libros suxeridos, na biblioteca estaremos gustos@s de deixárvolos. E se non vos gustan, dicímosvos o mesmo que Groucho Marx a propósito dos seu principios: "temos outros" .
Ademais, invitámosvos a que nos contedes as vosas experiencias como lector@s para que así o blogue se converta na pasarela literaria de tod@s. Algo así veñen facendo dende hai tempo no magnífico blogue da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos, sempre unha fonte de inspiración para nós.

Como mostra do que vos acabo de contar imos inaugurar a nosa pasarela outono- inverno cos libros “obrigatorios”, os básicos poderíamos dicir, aqueles que as vosas profesoras de lingua (profesor nalgúns casos, pero poucos) vos terán sinalado xa. Lembrade que a biblioteca ofrécevolos todos eles.


26/9/10

De volta

A xente que formamos o equipo da biblioteca queremos dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que vos acabades de incorporar ás clases, especialmente aos de primeiro de ESO que arribades este ano ao noso centro. Sede tod@s benvid@s.


Tomade nota de que a biblioteca está xa á vosa disposición durante todo o horario lectivo. As portas están abertas e os estantes cheíños de libros. Témolos para todos os gustos: de aventuras, amor, viaxes, intriga e o que se vos ocorra. Pasade, remexede e pedide, que nós estamos desexando prestar. Por certo, como en cursos anteriores, se non atopades o que queredes, decídenolo, que veremos de mercalo.


E para rematar, rogámosvos aos que levastes libros da biblioteca para ler no verán que os devolvades canto antes para que sigan rodando. Se vos quedou algún por rematar, pedide prórroga. En ningún caso permitades que os vosos libros, propios ou prestados, esmorezan esquecidos nun estante ou servíndolle de pata ao sofá estartelado, que non se convertan en disappointed como o do vídeo que vos deixo aquí e que vos invito a ver se tendes dous minutiños libres. Eu atopeino en Bibliorios, un blogue como a copa dun pino.

27/6/10

Un verán cheo de libros

Vémonos en setembro

Unha boa idea para marchar de vacacións, é un video-clip grabado en EEUU que invita á lectura.
Son dous meses de lecer, de praia, de estudar si toca examinarse en setembro e de ler.
Pois iso, good books to read!
Vémonos en setembro!

20/5/10

Uxío en palabras




Levamos tempo lendo os poemas, os versos , as palabras, e tamén escoitando falar de Uxío Novoneyra... Agora é a vosa quenda. Comeza un concurso literario e artístico: o vello Caderno de Poesía que coñecedes doutros cursos vaise encher coas palabras de Uxío (as que foron aparecendo espalladas polas paredes, nos corredores, polos cristais e pola biblioteca) e as vosas interpretacións.
Tedes as fotos en slide e as instrucións nas aulasNegrita.
Agardamos a vosa colaboración, animádevos a participar!




18/5/10

Nova revista de libros


Noticia: aparece no mercado virtual unha nova revista de libros, escrita por xente moi nova para lectores novos, coma eles.
Está destinada a libros da chamada "literatura xuvenil" e céntrase nos libros que non mandamos ler no Instituto: fantasía, vampiros, amoríos...
Déixovos o enlace:revista7letras.blogspot.com

9/5/10

Club de lectura: Haruki Murakami



A próxima lectura que faremos no club viaxa a Xapón.
Si, Haruki Murakami publicou After Dark despois do grande éxito de Tokio blues (tamén a podes atopar na biblioteca). É unha historia estrana, como todas as deste autor, desasosegante e misteriosa...
Hai un bar, un "hotel por horas", música de jazz, e unha xove solitaria que esconde algún secreto..., e que non pode voltar a casa ata que saia o primeiro tren, dende a medianoite fica nun bar deixando pasar as horas e vagar os pensamentos.
Animádevos a ler After Dark /Tras do solpor nas traducións ao galego ou ao castelán que atoparedes na biblioteca.
Xuntámonos despois do 20 de maio.
Lembrade que xa falamos desta novela cando foi publicada, está na entrada do 14 de xaneiro de 2009 (hai que baixar un pouco no blog)

28/4/10

Libros

"El libro es como la rueda.
Una vez inventado, no se puede hacer nada mejor"

Umberto Eco

12/4/10

Intercambio con Polonia


Hoxe damos a benvida aos alumnos e profesores do Miguel de Cervantes de Varsovia. Como cada curso, e van... o IES María Casares realiza un intercambio co instituto polaco.Unha semana antes das vacacións os nosos alumnos foron a Polonia acompañados das profesoras Marisa Ron e Pepa Vilariño. Visitaron Varsovia e Cracovia. Agora son os nosos "correspondentes" os que nos devolven a visita.
O luns, foron ao Concello, á Biblioteca Rialeda e á Fábrica. O mércores coñeceron o Camiño de Santiago e a cidade. O xoves visitaron a cidade de A Coruña e, desafortunadamente, o venres marcharon xa de volta a casa despois dunha soada festa de despedida.
A chegada dos nosos compañeiros estivo marcada polo accidente aéreo do que xa todos tivestes noticia, por iso o luns, ás 10:10, saímos todos ao xardín para gardar un minuto de silencio como homenaxe ás víctimas e para amosar a nosa solidaridade co pobo polaco.
Neste "Ano Chopin" http://es.wikipedia.org/wiki/Frédéric_Chopin
paga a pena ler e escoitar a vida e a obra do músico polaco-francés.

14/3/10

Palabras


Seguen aparecendo palabras na Biblioteca...
Agora teñen un aspecto case de anónimo de película de misterio.
Mais encerran un poema ou algo parecido.
Que terá que ver co que hai escrito enriba da porta?
Haberá que esperar...

Din o que segue:
No bicarelo
do bico
do brelo
canta o paxariño,
no mesmiño bicarelo
do bico do brelo.

24/2/10

Palabras


Hai uns días, apareceron unhas palabras azuis enriba da porta da Biblioteca...
Alguén sabe algo?
Son poucas, mais fermosas, e fan pensar...

CHOVE PRA QUE EU SOÑE

Seguide atentos, proximamente haberá novas...

9/2/10

La carretera

Se estrena estos días The road, la película basada en la novela de Cormac McCarthy que hemos recomendado para el Club de Lectura.
Seguramente ya sabéis que el protagonista es Viggo Mortensen y que es una película apocalíptica donde un padre y un hijo siguen la carretera hasta llegar a la costa, o eso pretenden. Pues bien, siempre es mejor leer el original, si no en inglés, al menos la novela que podéis encontrar en la biblioteca, y, si os parece, podéis participar en la tertulia literaria que haremos el 23 de febrero, a la vuelta de Antroido.
Os dejo el trailer, promete...

<div>


Educación para un mundo sostible

Escoitamos falar moito da educación para o consumo, de consumir de forma sostible e de pensar na reciclaxe e no aforro enerxético para non esgotar os recursos naturais e para ter un ambiente máis natural e saludable. Atopamos este vídeo feito na Comunidade Valenciana que, dun xeito moi sinxelo, é moi ilustrativo. Se tedes dez minutos...
O autor é Pablo Llorens e amosa ao "homo consumus" fronte ao "homo responsabilus". Ti cal eres?

31/1/10

Día da Paz


Andan todos os pequenos celebrando o Día da Paz nas escolas e nós non queremos esquencer unha data tan importante.
Sabías que o Día da Paz é unha data instituída pola ONU que debería celebrarse o 21 de setembro? Coma sempre, a xente fai o que lle peta (xa o decía Celso Emilio), así que todos celebramos o Día da Paz o 30 de xaneiro, xa que ese día de 1948 morreo o símbolo do pacifismo en todo o mundo: Mahatma Gandhi.
Estes días falan nos medios de que Vicente Ferrer sería un bo Premio Nobel da Paz. Dende aquí non podemos máis que apoiar esa iniciativa que dotaría de dignidade e de humildade a un premio tantas veces criticado por excesivamente político.
O informe anual de Amnistía Internacional fala dos conflictos existentes en todo o mundo. Sempre recordamos os que saen nos informativos: Iraq, Afganistán, os refuxiados de Darfur... Mais temos a obriga de ter presentes a todos os que sofren a guerra nas súas casas, aínda que non sexan mediáticos ou aínda que non estean protexidos polos Cascos Azuis da ONU.

Déixovos un video sobre o que reflectir, pero iso será mañá...


28/1/10

Malas noticias


Onte morreu J. D. Salinger. El foi quen publicou a novela que moitos tedes lido (e se aínda non é así, mañán quero ver a algún de vós pedíndoa na biblioteca): O vixía no centeno/ El guardián entre el centeno (es.wikipedia.org/wiki/El_guardián_entre_ el_ centeno)(The Catcher in the Rye)
Poucas cousas coñecemos deste escritor, só publicou esta novela, unha das máis coñecidas da literatura estadounidense e das máis lidas entre os xoves de todo o mundo. Tamén escribiu relatos, máis de vinte, aínda que moitos foron publicados nos xornais en non como libro
(Nueve relatos), mais despois do gran éxito que tivo coa súa primeira novela decidiu desaparecer da vida pública. Non concede entrevistas, non hai fotografías (agás unha "roubada" que lle fixeron hai décadas, saíndo dun supermercado), non da conferencias, ... Iso foi unha retirada en toda regra.
Na novela, o protagonista é Holden Caulfield, un xove con problemas que, días antes de Nadal, é expulsado do colexio onde estudaba interno (un auténtico inferno) e que decide non voltar á casa ata que sexa o día das vacacións... (A súa familia é peculiar, hoxe dimos "desestructurada") Si, acaba meténdose en graves problemas e aprende a vivir como un adulto a marchas forzadas...
Isto é o que se chama Bildungsroman ou novela de aprendizaxe, porque xa sabedes, un pode aprender tamén para o mal.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...