30/3/09

Ciberlimonada




O blog Per tritam viam invitounos a unha ciberlimonada xa hai uns días e tardamos un pouquiño en aceptar por aquilo do agobio dos exames, as notas e demais. Pero, unha vez pasado ese inevitable e necesario trance, vainos sentar maravillosamente unha meme-bebida refrescante, claro que si. Aproveito logo a ocasión para invitarvos a visitar os blogs da xente de segundo, por un lado e de 3º da ESO e 1º de bacharelato por outro. E saíndo ao exterior, que sempre vén ben, un blog amigo: o da biblioteca do IES Fernando Esquío de Neda, que, con Begoña ao fronte, leva xa anos servindo de exemplo de como facer as cousas ben.

blog De Segundo
blog Tres Cuartos
blog Fesquio

Semana Cultural


Esta semana celebramos a VIII Semana Cultural, xa tedes o programa que repartiron polas aulas, aínda así queremos que tamén o teñades neste blog. Como novidade, este curso teremos unha colaboración especial co instituto veciño, o Neira Vilas, dende aquí a nosa benvida, esperemos que o traballo xuntos sexa cada vez maior.

As actividades intentan estar adaptadas para todos os cursos e non facer perder moitas clases ou non sempre aos mesmos. Agradecemos a colaboración de todos os profesores, os organizadores, os colaboradores e esperamos a vosa, coma sempre.


Programa:

-Luns, 30 de marzo

8:30 Carreira matemática (2º ESO B, C)

10:30 Cine en inglés (3º ESO): Oliver Twist

12:30 A obra de Alberte Vázquez, ilustrador e dibuxante de cómics.

-Martes, 31 de marzo

8:30 Carreira matemática (2º ESO A, D)

Visita á Citroën en Vigo (1ºe2º BAC, alumnos de Tecnoloxía e Economía)

10:30 Carreira matemática (1º ESO B)

Cine en inglés (1º BAC): David Copperfield

12:30 Papiroflexia (2º ESO A,B)

Cine en inglés (2º BAC): Jane Eyre

13:30 Carreira matemática (1º ESO C)

Papiroflexia (2º ESO C, D)

-Mércores, 1 de abril

8:30 Escalada, práctica (2º ESO A)

10:30 Cine en inglés (1º ESO): Merlín, o encantador

Escalada, práctica (2º ESO C)

11:20 Carreira matemática (3º ESO C, D)

Escalada, práctica (2º ESO D)

13:20 Carreira matemática (1º ESO A)

"A meteoroloxía vista por Xulio Verne", no IES X. Neira Vilas (4º ESO)

-Xoves, 2 de abril

8:30 "A vida dende outra opción sexual", Colectivo Milhomes (4º ESO)

10:30 Final da Carreira matemática (1º ESO)

Concerto no Palacio da Ópera: "Metálicos" (2º ESO)

Cine en inglés: O sabueso dos Baskerville (4º ESO)

-Venres, 3 de abril

8:30 Escalada, práctica (2º ESO B)

9:20 Final da Carreira matemática (2º ESO)

10:30 Cine en inglés: Pocahontas (2º ESO)

Teatro: "Pasoulle a Marcos", Auditorio García Márquez (1º BAC)

11:20 Final da Carreira matemática (3º ESO)

12:30 Liga de debate co IES X. Neira Vilas: "Unha lingua para un mundo ou un mundo

de linguas"

Visita á exposición "Vida cotiá nos primeiros tempos do franquismo" (4º ESO,

2º BAC)




27/3/09

Exposición e venda solidarias



Nuria Fernández, de Solidaridade Galega, enviounos por correo electrónico a seguinte mensaxe:

Voluntarias/os da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, que viaxaron o pasado mes de outubro aos campamentos de refuxiados saharauís no marco do programa “Vacacións Solidarias”, organizan unha exposición e venda de fotografías, que sacaron eles mesmos durante a viaxe, nas que se amosa a realidade das persoas refuxiadas que levan máis de 30 anos vivindo na Hamada arxelina.
Os fondos recadados a través da venda das fotografías, serán destinados á financiación da granxa avícola Hussein Tamek en Rabouni, que abastece de ovos frescos á poboación refuxiada, contribuíndo a mellorar unha dieta alimenticia insuficiente.

O SÁBADO, 28 DE MARZO, ÁS 18:00horas, inaugúrase no Centro Comercial Dolce Vita (Newton, 15), esta exposición que se completará cun acto de presentación da mesma, na que todas as persoas de A Coruña poderán achegarse á cultura saharauí a través de actividades destinadas a todos os públicos.

Poesía nas aulas

Vexo este vídeo nunha entrada antiga do súper blogue Nosolibros. Chámolle súper porque, como sabedes, un blogue teno calquera, ata eu, pero un blogue como ese, non. Para iso hai que saber non só de libros, como eles mesmos din, senon de todo un mundo de recursos variados relacionados coa lectura. Considerade o anterior como unha recomendación a que visitedes ese blogue de vez en cando.
E agora ao que ía. Mirade de que xeito tan acertado, tan tenro, os alumnos do Markland College conseguiron "animar" un poemiña de Jacques Prévert, Pages d'écriture, do seu libro Paroles de 1945. En Nosolibros tendes o texto completo do poema en español. Aquí, o vídeo. A min encántame.




22/3/09

Persépolis


Persepolis: the veil A imaxe está sacada da páxina da editorial Ramdon House

Eu que pensaba que era inmune ao encanto dos cómics e acabo de caer rendida diante dun deles. E por riba, trátase dun cómic en branco e negro e con debuxos de trazos toscos, como infantís, “naïf”, se me permitides a palabriña. O caso é que eu quería ler Watchmen, que é o mellor cómic da historia, segundo din os de Microsiervos, e ademais está cheo de superherois Así que fun a biblioteca buscalo. “Non o temos”, dime Violeta, “Leva, se queres, “Persépolis”, ou “Maus”, que tamén están moi ben”. E así fixen: como son “guiada” collín “Persépolis” aínda que a pinta botábame un pouco para atrás. Ábroo e en lugar de superherois atópome cunha nena de dez anos que vive no Irán dos anos setenta do pasado século, teimuda, contestona e con tendencia a ensimesmarse. De superheroína, nada. Agora ben, ambición non lle falta á rapaza: quere ser profeta. E nada mellor para conseguilo que falar con Deus, por suposto. E iso fai noite tras noite. Ata que se cansa e nun rauto de xenio bótao da súa vida para sempre. Daquela xa a Deus lle saíran demasiados defensores demasiado preocupados por perseguir nos seus compatriotas, e sobre todo nas súas compatriotas, calquera asomo de falta de fervor relixioso. Do choque entre uns e outros xurdirán algunhas situacións cómicas (poden chegar a ser tan ridículos os fanáticos relixiosos…), e moitas máis tráxicas. Logo virá a guerra, os estudos, o exilio voluntario… Total, que me encantou "Persépolis". Non digo que o lin dunha tacada pero case.
Dunha historia así, tan ben contada, tíñase que facer unha película. E fíxose, claro. Déixovos o tráiler da versión en español e un link a un sitio donde podedes ver unha mostra do libro en inglés. Escuso recordarvos que na biblioteca tendes este último completo, traducido e con tapa dura. Facédelle caso ao consello dunha non amante dos cómics, lede Persépolis. Xa me daredes as grazas despois. Eu agora doullas a Violeta, que mo recomendou a min.



Algunhas páxinas de "Persépolis" en Ramdon House

21/3/09

En recordo de José Agustín Goytisolo

O día 19 cumpríronse dez anos da morte do poeta José Agustín Goytisolo. Imos recordalo, se vos parece, escoitando a versión cantada por Paco Ibáñez dun dos seus poemas máis celebrados: Palabras para Julia. En youtube tendes a versión que deste mesmo tema fixeron Los Suaves, moi lograda tamén.


O poeta dinamarqués

Vaia día o de hoxe: empeza a primavera, celébrase o Día Mundial da Poesía e está un tempo que levanta o ánimo. Bo día logo para colocar no blog un corto como este que atopo nesa especie de cofre do tesouro que é o blog Bibliorios. Titúlase The Danish Poet, gañou o Oscar ao mellor corto animado do 2007 e está en inglés. Se non dominas o idioma de David Bekcham, poderás tamén seguir o relato porque as imaxes son moi clariñas. Ademais sempre podes descargar os subtítulos pinchando aquí.





Vía: Arteziletras e

16/3/09

"O galo", de Amado Carballo


Un poemiña de Amado Carballo, un agasallo para todos vós. De nada

O Galo. (Poesía)

"Ábrelle as portas ao día

coa chave do teu cantar

que xa na fonte da Lúa

está lavada a mañán.

Bótalle o teu aturuxo

á paisaxe dende o val

que o gran balbo das estrelas

cairá serodio no mar.

O campo cheo de frío

busca un anaco de sol,

alcéndelle unha fogueira

co lume da túa voz."

Un poema novo para o curruncho



Amigos e amigas do curruncho, aí vos deixo un poema novo para que vos inspiredes. O poema é fácil e a inspiración sairavos como nada porque vese que chega a primavera e está no aire, ou non?


Imaxina que existes,
e existirás. Imaxina
que voas, e voarás.
Imaxinas que amas, e
amarás... o que a túa
imaxinación alcance,
alcanzarano as túas man

9/3/09

Concurso literario "Ánxel Casal"


A Consellería de Educación avísanos de que o concello de Santiago vén de convocar o Premio "Ánxel Casal", no que pode participar todo o alumnado da ESO e bacharelato maior de catorce anos. Copio a continuación a información que ofrece o mencionado concello na súa web:

Descrición: Convócase a XIV Edición do Premio Literario "Ánxel Casal".
O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.

Destínase a: Poderán concorrer a este premio literario, alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos.

Data de publicación: A decisión do xurado e a entrega de premios daranse a coñecer no mes das Letras Galegas de 2009.

Prazo de presentación: O prazo de admisión dos traballos finalizará o 23 de abril de 2009.

Información e documentación: Os traballos presentaranse por correo certificado, polo que toda a documentación deberá remitirse ao Concello de Santiago, en sobre pechado, facendo constar no seu exterior:

"XIV PREMIO LITERARIO ÁNXEL CASAL"
Concello de Santiago de Compostela
Departamento de Educación
Praza do Obradoiro, 1
15.705 Santiago de Compostela


Bases do concurso

Watchmen



Según a xente de Microsiervos é imposible facerlle xustiza a Watchmen nunha reseña. Iso se vistes a película, imaxínate que ocurrirá se non a vistes, como é o meu caso. Así que conto só o que me contaron. E o que me contaron (nos xornais El País e La Voz de Galicia e en varios blogues) é que temos aquí e agora nalgún cine de A Coruña unha película épica "imprescindible", desas que hai que ver porque si. Watchmen baséase na que moitos consideran a mellor novela gráfica da historia, do mesmo título, escrita e debuxada por Alan Moore e Dave Gibbons, publicada alá polo ano 1986 e venerada desde aquela con pasión polos amantes do cómic. E vexo que a película vai polo mesmo camiño de santidade. Para que vos deades conta de que non falo ao bo tuntún, cito textualmente de Microsiervos:

"Ninguna reseña haría justicia a esta película. Simplemente, véase

veces y luego ya puede uno morir tranquilo." (o símbolo do infinito é moito máis grande no orixinal)

Así, tal cual. Pois xa sabedes, a ver Watchmen e a seguir sendo felices.

6/3/09

As bibliotecas públicas de A Coruña aproban con nota


Nós xa sabiamos que funcionaban ben, pero así e todo gústanos velo recoñecido por escrito, debe de ser por aquilo da veneración que temos pola letra impresa... En fin, que a revista Consumer vén de publicar un estudo no que deixa moi ben paradas as bibliotecas públicas coruñesa, tan ben paradas que só as de Bilbao as superan en calidade. No estudo comparáronse 100 bibliotecas públicas de 18 provincias. Afirma Consumer que a boa nota das bibliotecas coruñesas aséntase "nunha boa accesibilidade e oferta de servicios, así como nunha moi boa limpeza e mantemento das instalacións visitadas". Pois aí tendes unhas cantas razóns máis para visitar as nosas bibliotecas.

Consumer Eroski: Las bibliotecas públicas de A Coruña

Vía: culturagalega.org

4/3/09

Laura Gallego en Coruña

(A fotografía pertence a elpais.com)
O xoves 5 de marzo, ás 18 horas, estará por aquí a vosa autora de cabeceira, si, Laura Gallego, a que vos fixo ler Fenris el elfo en tempo récord, e seguir coa saga "Las Crónicas de la Torre" ata rematar as catro novelas; a mesma que deu pé a que se formara unha corte  de "idhunitas" entre os lectores máis novos deste país...
A cita será no Forum Metropolitano de A Coruña, no Parque Europa, e será un encontro cos lectores para falar dos seus libros e dos seus proxectos. Animádevos e decídelle aos vosos pais que os leven ata Coruña pola tarde.
Se non podedes ir, ou non queredes, ou non hai sitio para todos no Forum, podedes entrar na páxina, unha das máis dinámicas, aínda que seguramente xa entrastedes máis dunha vez: lauragallego.com

Concurso de caligramas



Tes ata o 11 de abril para redactar-debuxar un caligrama e presentalo a un concurso que convoca o IES Castro da Uz , As Pontes. Pídelle as bases á profesora de lingua ou consúltaas aquí mesmo.
Atoparás modelos de caligramas en distintas páxinas web. Nesta, por exemplo.

Poetízate máis


Outra pinga de inspiración para os vosos caderniños de poesía. Para que vexades: unha actividade ben prosaica, a compra, feita nun sitio sen maior encanto, un supermercado, sérvelle a este escritor para redactar uns versos sinxelos pero sentidos. Aconséllovos que cambiedes a localización. En vez do supermercado, podedes situar a vosa experiencia amatoria ou do tipo que sexa nunha biblioteca, nun museo ou calquera outro sitio pouco "propicio" para o amor.

Caminamos de la mano por el supermercado

entre las filas de cereales y detergentes

Avanzamos de estante en estante

hasta llegar a los tarros de conserva

Examinamos el nuevo producto

anunciado por la televisión

Y de pronto nos miramos a los ojos

y nos sumimos el uno en el otro

y nos consumimos.

Oscar Hahn

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...