28/12/08

A modo de presentación


Debiámosvos unha explicación e aí vai. Desde hai tempo, o grupo de xente encargado da biblioteca do IES María Casares tiñamos o proxecto de crear un blog para transmitir e recibir información relacionada co mundo dos libros . Levounos un pouco de tempo decidirnos pero por fin estamos aquí. É certo que chegamos un pouquiño tarde, cando xa Internet está que rebenta de tantos e tan bos blogs de bibliotecas escolares e das outras (dádevos un paseo por este link para comprobar algo disto). Pero éste é único polo menos nun aspecto: vai dirixido principalmente aos alumnos e alumnas do IES María Casares e as súas familias. Naturalmente, será benvido o resto do mundo que comparta connosco a afección pola lectura e o os libros e queira pasarse polo noso caderno.

Así que se che gustan os libros, invitámoste a dar unha volta por este blog de vez en cando. E se non che gustan tamén: vas ver que estás perdendo algo bo e se cadra picas e incluso quedas enganchado. ¿Qué vas atopar neste blog? Para empezar has saber que novos libros revistas e cómics e chegan á biblioteca. E se botas en falta algún (¿Crepúsculo, por exemplo?), poderás dicilo no propio blog e intentaremos pillalo canto antes nolo permita o presuposto. Tamén che contaremos algunhas novas relacionadas coa lectura: autores, revistas, enquisas, películas que se rodaron de tal ou cal libro, webs interesantes… E para rematar, saberás que actividades de animación están en marcha ou próximas a saír. Vai contando xa con información sobre o recuncho da poesía, o pasaporte lector e as mochilas viaxeiras.

Permitídenos unha postdata: o que vos acabamos de contar constitúe o contido digamos esencial do blog, pero somos curios@s e navegamos con certa frecuencia por Internet en busca de contidos educativos que sexan aproveitables para blogueros con inquedanzas. Tamén os colocaremos aquí. Por suposto, ¿hai que dicilo?, suxestións, as que queiras.

27/12/08

A raíña que quería ser Proust



Alarma no palacio de Buckingham. A raíña Isabel ten un vicio inquietante: gústalle ler. Todo empeza como quen non quere a cousa: paseando unha tarde aos seus cans a raíña atópase cunha biblioteca móbil e vese na obriga de pedir prestado un libro, só por quedar ben (a raíña ten un alto sentido do deber). A ese libro seguiralle outro, e outro, e outro. A raíña aproveita calquera momento para meterse de cheo na lectura e empeza a descoidar as súas reais obrigas: incluso se atreve a repetir modeliño, chega tarde á apertura do Parlamento e mete en apuros ás visitas, coas que se empeña en falar de libros. Os seus colaboradores póñense dos nervios, intentan convencer á raíña de que se adique á caza e a falar do tráfico, escóndenlle os libros, boicotean canto poden o real hobby, todo sen éxito. De aí a unha crise de estado non hai máis ca un paso. Tanto é así que o Primeiro Ministro intervén..., e a partir de aí todo empeora.

En definitiva,
Una lectora nada común, do escritor británico Alan Bennet, é un libriño simpático que se le nun plisplás e que vos recomendamos.

26/12/08

O mellor tebeo do ano


Unha vez rematadas as vacacións recomendámosvos pasar pola sección de novidades da biblioteca e coller este tebeo, cómic, ou novela gráfica, como gustedes chamarlle, que chegará un día destes á biblioteca. Titúlase Arrugas e vén avalado por dous importantes premios: o Premio Nacional do Cómic e o premio ao Mellor Cómic de Autor Español outorgado polo Salón Internacional do Cómic de Barcelona. O tema que trata é un tanto inusual no formato cómic: a durísima batalla de Emilio, un antigo empregado de un banco contra o alzheimer. A crítica destacou a forza e o realismo das situación e os persoaxes que discorren polas páxinas de Arrugas. Sen dúbida estas características débense ao traballo de documentación que fixo o seu autor, Paco Roca. El mesmo nolo conta na súa web que te animamos a visitar (pincha no link do seu nome). Alí atoparás tamén algunhas páxinas de Arrugas e os seus correspondentes bocetos e faraste unha idea do laborioso proceso de composición desta obriña.

23/12/08

Nós tamén podemos


Aquí chega, e non é sen tempo, o blog da biblioteca do IES María Casares. Rapazas e rapaces, se vos gusta ler, botádelle unha ollada de vez en cando a este blog. Ides atopar nel información valiosa, xa veredes, fresquiña, actualizada semanalmente e especialmente pensada para vós. Permitídenos que non adiantemos máis detalles nesta primeira entrada: comprendede que estamos aínda "afacéndonos" a este novo sitio, aprendendo a manexalo. Pero un día destes, seguramente non mañá nin pasado pero si o xoves, vos contaremos máis polo miúdo que pode facer este blog por vos (e vos por el, téndeo en conta). De momento vainos abondar con colocar unha imaxe de flickr que nos sirva de postal de felicitación navideña. Pois iso, bo Nadal a todo o mundo. Vémonos o xoves.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...